publicidade hoxe

Ramiro Recouso e Pablo Vidal, novos concelleiros de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

O pleno do Concello de Ordes comenzou a súa sesión ordinaria correspondente ao mes de maio coa toma de posesión de Ramiro Recouso e Pablo Vidal como novos concelleiros por parte do BNG. Ambos prometeron ‘por imperativo legal’ exercer fielmente o seu novo cargo con lealtade ao rei e á Constitución.

Posteriormente a estes nomeamentos o PSOE veu aprobada por unanimidade a moción coa que se lle facilita aos veciños a tramitación para a concesión dos novos nichos do camposanto municipal, correspondentes á nova mazá que se vai construír, e cuxos prezos ascendem a 950 euros no caso dos nichos e os 3.700 euros para os panteóns. O edil socialista Xesús pedreira puntualizou que “Debido á crise non é doado para unha familia poder facer tales desembolsos, polo que se debería ofrecer a posibilidade de abonar esas cantidades cando menos en dous prazos: a metade antes da adxudicación da concesión e a outra metade seis meses despois da data de adxudicación. Tamén se acadou compromiso de anunciar como mínimo con tres meses de antelación a posibilidade de adquirir a concesión de novos espazos.

A segunda das mocións socialistas perseguía reafirmar a autonomía local e a transcendencia do papel das entidades locais na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como nas políticas de prevención e asistencia integral ás vítimas de violencia de xénero. Por todo elo ínstaselle ao Goberno de España a que retire o Anteproxecto de Lei para a racionalización e sustentabilidade da administración local, “por supor un desmantelamento dos servizos de promoción á muller que prestan as corporacións locais, ao eliminar as competencias que veñen prestando en materia de igualdade e contra a violencia de xénero”. Tamén se lle solicita a apertura dun proceso de diálogo e consenso para a reforma da Lei de Bases de Réxime Local con todos os grupos parlamentarios, os sindicatos, a FEGAMP e a FEMP.

Neste punto tanto os nacionalistas como os populares abstivéronse na votación. Os primeiros argumentando que é a Xunta quen debe costear os servizos de índole social que se prestan dende os concellos ou ben propiciar un pacto local neste sentido, mentres que os segundos pretendían que no texto aparecese o termo escoitar en sustitución da palabra retirar, algo que non foi aceptado pola bancada do PSOE. Tanto o Goberno local como CIdGA votaron a favor.

A última das mocións socialistas facía alusión ao rexeitamento do borrador de Anteproxecto de Lei de  Reforma da LOPX e do Rexistro Civil. Por elo ínstábaselle á Xunta de Galicia a que lle solicite do Goberno de España o mantemento dos Xulgados de Paz e que se lles dote dos medios adecuados e da profesionalización dos seus traballadores e raballadoras. Os socialistas tamén demandaban a garantía na gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís. Outro texto que os socialistas viron aprobado grazas aos votos do Goberno local, mentres que CIdGA se abstivo e o PP votou en contra baseándose “no elevado número de rexistros existentes”.

Pola súa banda o BNG presentou unha moción na que solicitaba unha renovación da Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expoordes, reclamando un maior protagonismo para o sector gandeiro e cooperativo da comarca, así como para o sector textil. Finalmemte todos os partidos votaron a favor agás o PSOE, que se abstivo “xa que a organización deste evento é potestade do equipo de Goberno”, explicou Pedreira.

Os nacionalistas tamén reclamaron por parte da alcaldía que se informe de calquer inicio de proceso de selección de persoal e que se remita a documentación pertinente á comisión informativa de personal destinada a tal fin. Neste sentido o secretario municipal puntualizou a distribución de competencias, en cuxo artigo 21 se especifica en materia de selección de persoal corresponde ao alcalde mentres que a función dos membros do pleno atínguese a custións orzamentarias tal e como se sinala no artigo 22. No caso das comisións a lei establece que o edil non ten a obriga de sentirse vinculado polas decisións que adopte dita comisión, cuxa principal función sería a de informar con respecto aunha materia concreta. Aínda así aprobouse a urxencia de debate deste punto sendo finalmente aprobada a proposta polos oito votos do BNG e do PP.

O seguinte texto presentado polos nacionalistas facía alusión á retirada da polémica LOMCE, á que tildaro de ‘lei imposta que pretende axudar a aqueles centros que segregan ao alumnado por sexos, que sitúa ao galego nun segundo plano e que ten un carácter confesional pola consideración que adquire a asignatura de relixión”. Tanto o Goberno Local como CidGA abstivéronse na votación, o PP votou en contra, mentres que PSOE e BNG votaron a favor, polo que a medida non prosperou.

Por parte do PP presentouse unha única moción que atendía ao incremento descontrolado da poboación de xabarís que se reproducen e refuxian na zona boscosa da antiga escombreira da central térmica de Meirama. Segundo denuncian os populares, este incremento estase a traducir enconstantes e custosos danos nos cultivos das aldeas próximas, a maior parte delas pertencentes a Ordes. Por elo solicítanlle ao Concello que lle esixa á empresa a que revise o peche perimetral dese espazo e zonas adxacentes para evitar que os xabarís que crían e se agochan na área boscosa podan invadir e danar o contorno. O Partido Popular pide tamén que no marco da normativa vixente se execute un programa efectivo de control das poboacións de xabaril na escombreira e nas áreas anexas. Tamén se pretende que a empresa titular da escombreira que causa parte do problema habilite unha partida económica para indemnizar aos afectados. Paralelamente, o PP de Ordes trasladou xa esta situación á Consellería de Medio Ambiente para que se axilice a concesión de permisos para a realización de batidas de xabaril por parte dos cazadores da zona. A medida foi aprobada por todos os grupos políticos.

Por outra banda, xa no apartado de rogos e preguntas, a tenente alcalde Silvia Marín informou ao voceiro socialista que dende o Concello xa chegaron a un acordo cos madeiristas que realizan labores no termo municipal para que sexan eles quenes manteñan e arranxen as pistas danadas con motivo do seu traballo. Ante preguntas do PP o secretario municipal informou que as supostas irregularidades detectadas polo Tribunal de Cuentas nas obras do tanatorio municipal e financiadas con cargo ao Plan E son un erro, xa que o Concello aportou toda a documentación e tramitou todo correctamente.

31 de maio de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.