publicidade hoxe

Ourense apoiará o desenvolvemento de actividades culturais na cidade, cun programa dotado de 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

O Concello de Ourense apoiará o desenvolvemento de actividades culturais na cidade cun programa de subvencións dotado con 107.590 euros para o presente ano 2013. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá as bases da convocatoria, que rexirá a concesión de subvencións, por concorrencia competitiva, dirixidas a asociacións, comisións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan accións no eido cultural e festivo no Concello de Ourense.

As bases teñen como obxectivo prioritario potenciar as actividades culturais, festivas e de apoio a iniciativas normalizadoras da lingua galega, dando apoio ás entidades que traballan nestes ámbitos para posibilitar a realización de actividades que sexan de interese para a poboación.

No acordo se aproba o gasto por importe de 107.590 euros e a publicación das bases e da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, durante un prazo de 20 días días naturais a contar dende o seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín. Os interesados deberán achegar proxecto explicativo das accións que se pretende realizar e demais documentos requeridos na convocatoria.

A concesión de subvencións atenderá a criterios obxectivos e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, avaliándose as solicitudes segundo 8 criterios:

– Interese xeral da actividade no ámbito municipal (até 20 puntos)

– Número de persoas que participan e se benefician da actividade (até 20 puntos)

– Interese sociocultural (até 20 puntos)

– Repercusión territorial (até 20 puntos)

– Viabilidade orzamentaria/esforzo financiero (relación entre o importe solicitado e o custo da actividade) (até 15)

– Orixinalidade e carácter innovador (10)

– Potenciación do idioma e da cultura galega (10 puntos)

– Relevancia na dinamización da vida social e cultural do Concello (até 10 puntos)

Control das áreas termais por parte da Universidade de Vigo

O Laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense (Universidade de Vigo) continuará realizando o servizo de control de auga dos baños e mananciais nas áreas termais da cidade. Así o acordou esta mañá en sesión ordinaria a Xunta de Goberno Local, coa adxudicación do contrato por un total de 16.213,20 euros.

O servizo establece procedementos de control da calidade da auga de baño, así como o control da estabilidade dos mananciais, co control de auga das áreas termais de Outariz, Burgas de Canedo, Muíño da Veiga, Tinteiro, Chavasqueira, Reza e As Burgas. As análises incluirán a realización de probas mensuais de pozas de baño e fontes, e control dúas veces ao ano dos mananciais.

As análises inclúen os seguintes controis:

-Control mensual de pozas e fontes (parámetros microbiolóxicos)

-Control periódico de lexionela en pozas e fontes (parámetros microbiolóxicos)

-Control completo de mananciais (parámetros microbiolóxicos e físico químicos)

Mensualmente, rematadas as análisis das mostras recollidas, o laboratorio de Microbioloxía emitirá os informes de ensaio para cada unha das mostras analizadas. Emitirán, tamén, un informe de avaliación cos resultados obtidos, incluíndo as recomendacións oportunas en cada un dos puntos da mostraxe.

Así mesmo, o contrato inclúe a realización, por parte do Director Técnico do Laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense de labores de asesoramento e recomendacións en función dos resultados e das circunstancias que poidan producirse en cada momento.

Recurso á sanción de Confederación por un vertido

O Concello de Ourense recurrirá no Xulgado a sanción imposta por Confederación Hidrográfica por un vertido ao río Miño, que o Concello considera non conforme a dereito.

A Xunta de Goberno Local acordou interpoñer este recurso, de carácter contencioso-administrativo, que se presentará ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Diríxese contra a resolución de data 22 de marzo do 2013 do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na que este organismo desestimaba o recurso de reposición interposto polo propio Concello contra a resolución da Confederación de data 20 de xuño do 2012 recaída no expediente sancionador S/32/0066/11/V, na que impoñía  unha multa de 6.010,12 euros como consecuencia dun vertido de augas residuais ao cauce do río Miño sen a autorización da Confederación nas proximidades da Ponte Nova.

O Concello de Ourense considera disconforme a dereito esta sanción dado que, segundo detalla no seu escrito de alegacións, o vertido realizado procedía dunha infraestrutura, o alivaideiro-tanque de tormenta da Ponte Nova, construída pola propia Confederación.

2 de maio de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.