publicidade hoxe

Os 146 libros de actas que recollen a historia da institución desde a súa orixe xa están dixitalizados e listos para a súa consulta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

As tarefas comezadas a finais do pasado ano para a dixitalización  dos 146 libros de actas dos plenos da corporación e da Comisión de Armamento e Defensa da Deputación Provincial están xa concluídas. Os libros conservados nas dependencias do arquivo da Deputación de Pontevedra recollen os acordos e debates dos distintos órganos colexiados, unha verdadeira historia da institución provincial que, tras a súa dixitalización, ten garantida unha máis doada conservación, difusión e consulta.

Os libros de actas do pleno da corporación supoñen unha necesaria e inesgotable fonte de estudo e información sobre as actividades da institución desde o 1836, ano da súa constitución, ata o ano 2008, faltando tan só referencias dos anos 1875, 1876 e 1901, por causas que se descoñecen.

Por outra banda, tamén se dixitalizaron os libros de actas de diferentes órganos de goberno:

– Comisión Municipal Permanente, un total de 88 exemplares correspondentes ó período comprendido entre 1837 e 1931
– Comisión Xestora, 16 libros desde 1931 ata 1949
– (Ambos os órganos cun maior número de sesións pero con menor número de acordos, menos membros e competencias máis reducidas, especialmente de alcance económico e orzamentario)
– Comisión de Goberno e a Xunta de Goberno (órganos colexiados máis novos que documentan un amplo abano de decisións e actuacións), adícanselle un total de 36 e 22 libros respectivamente.
– Comisión Mixta de Quintas, con sesións de 1924
– Xunta Provincial do Censo Electoral (sesións comprendidas entre 1922 e 1976)

Tecnicamente o proceso de dixitalización realizouse por sesións, habilitándose unha carpeta para almacenar os documentos de cada unha delas. O conxunto de documentos dixitais resultantes custódianse nun xestor documental e estarán a disposición dos usuarios en breve. Esta dixitalización complementa o grande esforzo que durante anos se vén realizando no proceso de envorcado nunha base de datos creada para este fin, na que xa están transcritos case a totalidade dos textos (acordos dos distintos órganos) que se recollen nestes libros.

11 de maio de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.