publicidade hoxe

O pleno aproba as modificacións nas ordenanzas da auga que beneficiará ao pequeno comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Pleno do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que o punto máis destacado da orde do día foi a modificación das ordenanzas fiscais números 12 e 13, reguladoras das taxas por distribución de auga e por rede de sumidoiros.

Os cambios, que foron promovidos polo grupo de goberno municipal e contaron co apoio do grupo municipal socialista e a abstención do BNG, consisten en aplicar a tarifa doméstica a aqueles establecementos, locais comerciais e negocios particulares (aos que lles correspondería a tarifa industrial) no caso de que non superen un consumo trimestral de quince metros cúbicos.

Esta medida ten carácter retroactivo e tamén afectará á factura xa emitida do primeiro trimestre do ano, polo que a diferenza será reintegrada aos seus titulares. Os beneficiaros serán máis de douscentos comercios e negocios situados no termo municipal, que verán reducida a súa factura nunha media superior ao cincuenta por cento.

José Ramón Martínez Barbeito, que presidiu a sesión dado que o alcalde se atopaba en Madrid nunha reunión da FEMP –na que é vogal da comisión de cooperación al desarrollo-, apuntou que “será unha axuda que vai incidir nos comerciantes, que o poderán comprobar trimestralmente nos recibos”. Tamén quixo agradecer neste punto o apoio da Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha, que recentemente aplaudiu publicamente a iniciativa do goberno municipal por considerala beneficiosa para o sector do pequeno comercio.

Liquidación orzamento 2012

Na sesión plenaria deuse conta á Corporación da liquidación do exercicio económico do ano 2012, que arroxa unhas magnitudes moi positivas para o Concello da Laracha e son o fiel reflexo da excelente xestión desenvolvida polo goberno local.

O orzamento pechouse na cantidade de 7.258.625,68 euros, cando a previsión inicial situaba os presupostos municipais para o 2012 –aprobados en decembro de 2011- en 6.078.389,50 euros. Por tanto, a xestión do equipo de goberno posibilitou que a cantidade final e real aumentase en preto do 20% con respecto á cifra inicialmente orzamentada.

Preto da sétima parte desa cantidade (1.033.622,58 euros) destinouse ao financiamento da prestación dos servizos sociais, e tamén notable (823.000 euros) foi a cifra que alcanzou o capítulo de investimentos reais.

As contas do exercicio económico 2012 deixa un remanente líquido de tesourería positivo de 960.742,84 euros que, tralas últimas modificacións na Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, o Concello destinará á prestación de servizos á poboación e a investimentos reais.

Ordenanza municipal da corta, depósito, carga e transporte da madeira de tala

Trala aprobación inicial no anterior Pleno da Corporación celebrado en marzo, nesta sesión foi elevada a definitiva a aprobación da ordenanza municipal reguladora da corta, depósito, carga e transporte de madeira da tala (que substitúe á anterior ordenanza reguladora de plantacións forestais).

A finalidade do cambio é adaptar a normativa municipal á nova Lei de Montes.

Ordenanza reguladora da taxa por prestación do servizo de axuda no fogar

Por unanimidade, o Pleno acordou modificar o texto da ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar. O cambio ten por obxecto crear un padrón fiscal para facilitar o cobro da taxa, xa que se produce un devengo periódico da mesma. Deste xeito simplificaranse as notificacións, que se viñan realizando individual e mensualmente a cada usuario.

José Ramón Martínez Barbeito explicou que se trata “dunha mellora na xestión administrativa do servizo, que agora será máis áxil e con menores custos para o Concello sen que os usuarios sufran modificacións nas tarifas nin minoracións no servizo”.

Fixación do novo límite de gasto non financeiro para o ano 2013

En cumprimento da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira, o Pleno aprobou no pasado mes de decembro un límite de gasto non financeiro por un importe de 5.416.865,90 euros.

O departamento de intervención emitiu un informe no que se detalla o novo cálculo da magnitude citada tendo en conta os criterios que ven de publicar a Intervención Xeral da Administración do Estado.

Por tanto, e tralos votos positivos dos grupos de goberno e tamén do socialista –coa abstención do BNG-, o novo límite de gasto non financeiro para o exercicio económico en curso sitúase en 5.368.727,05 euros.

Sen facturas pendes de pagamento

Salientar, por último, que, en aplicación do establecido nos arts. 4 e 5 da lei 15/2010, de 5 de xullo, de modificación da lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, correspondente ao primeiro  trimestre de 2013, deuse conta á Corporación do informe de intervención no que se indica que “non existen, a 31 de marzo de 2013, facturas que leven máis de tres meses anotadas no rexistro e non se tramitaran os correspondentes expedientes de recoñecemento da obriga”.

29 de maio de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.