publicidade hoxe

O dispositivo do Plan de Rebacheo, composto por 50 operarios e 32 máquinas, está a arranxar vías provinciais en 11 Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoProvincias
A-
A+

O dispositivo do Plan de Rebacheo que activou a Deputación de Lugo para arranxar as estradas provinciais dos 67 Concellos lucenses está a traballar na actualidade de maneira simultánea en vías de 11 municipios pertencentes ás 8 zonas nas que o organismo provincial ten dividida a conservación da rede viaria provincial, que, con máis de 4.200 quilómetros, é a máis extensa de toda España.

Os 50 operarios e 32 máquinas que compoñen o operativo, coordinado por 16 capataces e vixilantes, está hoxe mobilizado en estradas de Burela, Cervo, Vilalba, Riotorto, O Corgo, Cospeito, Castroverde, Navia de Suarna, Pedrafita, As Nogais e Quiroga, tras completar xa as actuacións na Pontenova e Ribas de Sil. Unha vez finalizadas as obras nestas localidades, os equipos desprazaranse polo resto das vías provinciais ata deixar en perfectas condicións toda a rede de estradas.

A Deputación destina máis de 5 millóns de euros ás tarefas de bacheo, que consisten no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesitan. Os traballos, que comezaron hai dúas semanas, atenden ás necesidades recompiladas polos técnicos provinciais e tamén ás solicitudes veciñais.

Intervirase en 3.200 quilómetros

En 5 anos, o Goberno provincial multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200.

Os traballos acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100% das vías provinciais. Para garantir unha atención rápida e eficaz ós veciños e aforrar custes, a institución luguesa dividiu a rede viaria provincial en 8 zonas.

Sinalización e balizamento

Ademais de aglomerar en quente 1.000 quilómetros, o Executivo provincial acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como a sinalización e balizamento das vías dos 67 Concellos lucenses. Entre outras actuacións:

Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).

Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.

Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.

Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.

Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.

9 de maio de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.