O deputado Perfecto Vázquez visita as obras na senda peonil a Cheda-Gabenlle
O deputado provincial Perfecto Vázquez, responsable da área de infraestruturas viarias, visitou –xunto ao alcalde, José Manuel López Varela- as obras de creación da senda peonil que une os lugares de A Cheda (xunto a Avenida Doctor López Astray) e Gabenlle, coa que se conectará o casco urbano da Laracha coa área recreativa e o paseo fluvial, ademais de dar servizo á totalidade das vivendas situadas en ambos núcleos de poboación.
O proxecto atópase actualmente na fase final da súa execución. A senda, dunha lonxitude aproximada de 900 metros, reforzará a seguridade viaria nesta zona de constante tránsito rodado ao ofrecer un novo espazo destinado exclusivamente para os peóns.
Ademais da propia creación desta nova area peonil, para o que foi necesario construír escolleras en determinados tramos, o proxecto inclúe a rede de recollida de augas pluviais, canalizacións subterráneas das redes de iluminación pública e de telefonía, novo alumeado en báculos, sinalización horizontal e vertical e colocación de elementos de seguridade nas zonas que o requiran.
A actuación, valorada en 238.000 euros, é promovida e financiada integramente pola Deputación Provincial da Coruña como titular desta vía (CP-1913).