publicidade hoxe

O Concello de Mos adxudicou hoxe a concesión da cafetería do CDL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Contratación do adxudicatario

Contratación do adxudicatario

Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a Mesa de Contratación do adxudicatario que prestará o servizo de cafetería no Centro de Desenvolvemento Local mosense, CDL. Na Mesa estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Facenda e Patrimonio mosense, Óscar Soto, así como o Secretario, o Interventor e técnicos municipais. A prestación deste servizo contratado será de dous anos de duración con posibilidade de prórroga por outros dous máis. O contrato adxudicouse por procedemento aberto.

O canon a pagar polo adxudicatario estableceuse en 350 euros mensuais máis IVE. Este canon deberá actualizarse anualmente durante toda a vida da concesión, en función da variación experimentada polo IPC durante a anualidade inmediatamente anterior, e comenzará a aboarse ó Concello ó mes seguinte a aquel na que se levante a acta de inicio de explotación.

Características técnicas

Entre outras características técnicas da prestación do servizo de cafetería no CDL cómpre destacar que permanecerá aberta de luns a venres, en horario mínimo diario de 08.00 horas a 22.00 horas e os sábados de 09.00 horas a 14.00 horas. O Concello de Mos poderá esixir do concesionario a apertura temporal fóra do horario establecido e previa comunicación con suficiente antelación para a realización de actividades municipais. A explotación poderá interromperse, previa autorización do órgano competente, durante o período vacacional. Estará prohibida a venda e consumo de tabaco e de bebidas cunha graduación alcohólica de máis de 18 graos, tamén estará prohibida a instalación de máquinas recreativas. As comidas serán elaborados polo adxudicatario na propia cociña do Centro. E todos os integrantes da plantilla da cafetería deberán estar en todo momento en posesión do carné de manipulador de alimentos e de todas aquelas autorizacións ou permisos que sexan necesarios para o desenvolvemento do seu traballo, segundo a lexislación vixente.

En canto ó mantemento das instalacións, serán de conta do concesionario as necesarias obras de conservación dos locais, instalacións e equipamento así coma a reposición de material avariado ou deteriorado. Asimesmo o adxudicatario está obrigado a conservar en perfectas condicións as instalacións achegadas polo Concello así coma as achegadas polo adxudicatario, sendo da súa conta as reparacións e acondicionamentos, tanto interiores como exteriores, que se efectúen nas mesmas, así coma as reposicións necesarias doutras similares ou de mellores prestacións.

9 de maio de 2013 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.