O Concello da Laracha ten abonadas todas as facturas presentadas ata o 8 de maio
Nunha época como a actual na que a crise económica está a afectar tanto ás familias como ás empresas e, por suposto, á capacidade económica das administracións públicas, o Concello da Laracha pode presumir de ter abonadas todas as facturas que foron presentadas ata o mércores desta semana, día 8 de maio.
Desde o departamento de intervención emítense actualmente ordes de pagamento cunha periodicidade media de quince días, polo que as facturas aos provedores estanse abonando, como máximo, nun período de dúas semanas, o que permite ao Concello da Laracha estar ao corrente coas súas obrigas financeiras e non ter débeda algunha pendente.
Esta circunstancia é un claro indicativo da boa saúde económica do municipio no marco do complicado momento actual a nivel xeral.
A excelente xestión do goberno local xa foi reflectida nos datos da liquidación do exercicio económico 2012 que se deron a coñecer recentemente e que deixaron un remanente positivo de tesourería de case 960.000 euros.
Cabe lembrar que o Concello da Laracha, ao presentar unha boa situación económico financeira, non tivo a necesidade de acollerse aos plans de saneamento promovidos desde o Goberno central.











