publicidade hoxe

O Concello aproba o proxecto que permitirá completar a construción do Centro de Coñecemento de La Molinera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o proxecto que permitirá completar a construción do Centro de Coñecemento 2012, na Molinera.

As obras de construción do Centro de Coñecemento foran adxudicadas por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. A empresa ofertara unhas melloras valoradas en 121.365,65 euros. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron finalizar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

O proxecto modificado aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local mantén tódolos aspectos fundamentais do orixinal e inclúe as obras que quedaron sen executar, máis outras intervencións, advertidas pola dirección de obra, que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, chamado a achegar as novas tecnoloxías aos veciños da cidade.

Investimento de 320.000 euros

O investimento a realizar para rematar a construción do Centro de Coñecemento será finalmente de 320.000 euros, segundo advertiu a dirección de obra a causa, fundamentalmente, de tres factores que aumentaron o custe inicial:

1) Gastos derivados da variación da cota de cimentación en parte do edificio, que incrementan en aproximadamente un 10% o custe do proxecto aprobado inicialmente polo Concello.

2) Necesidade de instalar un transformador

3) Reforzo da impermeabilización

Achegar as novas tecnoloxía á sociedade

O proxecto aprobado hoxe inclúe todolos traballos necesarios para completar a execución do proxecto inicial, que son básicamente os concernintes á finalización das instalacións, carpinterías e acabados superficiais. O novo equipamento, sito no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, ten como finalidade potenciar o desenvolvemento desta zona e dotar á cidade dun equipamento destinado a potenciar o uso e desfrute dos beneficios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Achegará aos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade.

O Centro de Coñecemento, que se constrúe co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

Antecedentes

O proxecto foi aprobado en Xunta de Goberno Local de 20 de abril de 2011, cun orzamento de 1.491.114,67 euros e adxudicado en novembro dese ano á empresa Gamallo SLU, por importe de 1.098.506,20, cunha baixa dun 26,33% respecto ao proxecto orixinal. A empresa ofertara tamén melloras valoradas en 121.365,65 euros. Durante a execución da obra, detectouse que a causa da morfoloxía do terreo, o custo aumentaría nun 10% ata chegar a 1.208.356,82 euros.

A empresa presentou 9 certificacións de obra, por importe de 1.067.419,19 euros. Tralo abandono da obra, resolveuse o contrato e aprobouse unha liquidación con medicións exhaustivas de todo o executado e válido, detraéndose do certificado as obras mal executadas (que xa foron reclamadas á empresa). Esta liquidación ascende a 1.035.441,10 euros, cantidade que se corresponde co 85,69% da obra (proxecto contratado máis o 10% da liquidación).

Queda por tanto, executar o 14,31% do proxecto total (234.716,18 euros). A esta cifra é preciso engadirlle o 3% debido ao cambio de IVA que entrou en vigor en setembro pasado máis o custe da impermeabilización (43.193,40 euros, reclamada ao contratista por estar mal executada) e o transformador (37.368,95 euros), que ía incluido nas melloras do contrato e que é imprescindible para o funcionamento do Centro de Coñecemento. Sumando estes gastos, o orzamento do proxecto modificado será de 319.999,99 euros, IVE incluido.

Reclamacións pola anulación do PXOM 2003

Parellamente, tamén na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno Local recibiu 2 novas reclamacións por responsabilidade patrimonial derivadas da anulación por sentenza xudicial do PXOM 2003.

Dunha banda, desestímase a reclamación instada por Don Javier Vázquez Rodríguez, na zona de Lodeirós en Vilar das Tres por importe de 200.000 euros. Doutra, a Xunta de Goberno Local tomou conta do desistimento presentado pola entidade Promociones Ribe SL, renunciando con esto a percibir a reclamación patrimonial instada inicialmente, ao obter a licencia de obra e construción por silencio administrativo positivo, na rúa da Marquesa nº 5-7, e pola que reclamaba un importe de 178.503,90 euros.

23 de maio de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.