publicidade hoxe

O Concello aplicará a tarifa doméstica aos establecementos comerciais con menor consumo de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

Por iniciativa do goberno local do Concello da Laracha elevarase ao próximo Pleno da Corporación, que se celebrará o mércores día 29 de maio, a proposta de modificación da ordenanza fiscal número 12, que regula o prezo por distribución de auga, cos propósitos de beneficiar especialmente ao pequeno comercio e incentivar o consumo responsable.

A tarificación actual, que se aplicou por primeira vez na factura do último trimestre, é por tramos progresivos e diferenza o uso doméstico do industrial –sendo máis barato o primeiro que o segundo-, primando a aquelas familias ou negocios que menos consuman trimestralmente.

O cambio na ordenanza que promove o goberno local é aplicar a tarifa doméstica a aqueles establecementos, comercios e negocios privados que non superen un consumo de quince metros cúbicos por trimestre.

Ademais, esta proposta tería carácter retroactivo polo que, no caso de superar o trámite do acordo plenario, a medida afectaría á factura xa emitida do último trimestre, reintegrándose a cantidade correspondente aos titulares que, polos seus datos de consumo, poidan favorecerse da mesma.

O principal beneficiario desta modificación na ordenanza da distribución de auga será o sector do pequeno comercio larachés, co que o goberno municipal mostrará o seu compromiso dando esta efectiva resposta ante os últimos cambios de tarifas motivados pola súa adaptación á Directiva Marco da Auga (Directiva 200/60/CE do Parlamento Europeo), cuxa finalidade é fomentar o uso sostible e mellorar a protección das augas nos seus aspectos cuantitativos e cualitativos.

13 de maio de 2013 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.