publicidade hoxe

O Concello acondicionará un novo aparcamento público no cruceiro de Lendo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A parroquia de Lendo contará en próximas datas cun novo aparcamento público que o Concello da Laracha acondicionará en O Cruceiro, xusto fronte ao centro sociocultural e moi preto da igrexa de San Xiao e o cemiterio parroquial sendo, por tanto, o principal punto de encontro para os veciños da zona e un punto de alta presenza de vehículos principalmente nos días de celebración de determinados actos relixiosos e tamén durante as festas patronais.

O goberno local da Laracha chegou a un acordo cos propietarios dos terreos e nos próximos días comezarán as labores dirixidas a adecuar como aparcadoiro a parcela, consistentes na súa completa limpeza, aplanamento da superficie, construción dun peche que delimitará a área, a pavimentación en zahorra e a sinalización.

O ámbito ten unha superficie de máis de dous mil metros cadrados e terá capacidade para habilitar unhas cen prazas para o estacionamento de vehículos.

Por outra banda, a parcela duns 400 metros cadrados de superficie que é de titularidade municipal e está situada nas inmediacións da propia igrexa, tamén está previsto acondicionala como aparcadoiro. Neste caso a tramitación é máis complexa pola súa situación, nunha zona de especial protección. Os traballos poderanse iniciar unha vez se dispoña da preceptiva autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio.

Cabe lembrar que a praza que o Concello da Laracha creou hai agora tres anos a carón do centro sociocultural da parroquia de Lendo xa fora pavimentada para poder ser utilizada como aparcadoiro de vehículos, principalmente para veciños e usuarios da citada instalación de titularidade municipal. Agora, coa creación destas dúas novas área de estacionamento, incrementarase o espazo destinado a esta finalidade nun lugar que o demandaba, pero no que a existencia de terreos que cumprisen as características requiridas é moi reducida.

18 de maio de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.