publicidade hoxe

O alcalde reúnese coa nova directiva de ACSIL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Reunión do rexedor coa ACSIL

Reunión do rexedor coa ACSIL

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Rocío López, edil responsable das áreas de emprego, servizos sociais, muller e xuventude, recibiron hoxe no Concello á nova presidenta da Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL), Concha Iglesias, e ao presidente saínte da entidade, Jesús Vázquez, que pasará a ser vogal. Os outros dous membros da xunta directiva son Ángel Loureiro Balbís (secretario) e Silvia Vázquez (vogal).

Na xuntanza falouse da labor que está a realizar ACSIL na procura de potenciar o comercio local entre os veciños do Concello da Laracha desde hai varios anos. De cara á campaña de 2013, e trala realización do concurso de debuxo co motivo do Día do Pai, as principais novidades da programación na que se está traballando serán o desenvolvemento dun carnaval de verán e dunha feira de mostras, neste caso xa ao final da época estival ou no inicio do outono.

Ademais, organizarase a segunda edición do concurso de postres durante a Feira das Cereixas de Paiosaco (7 de xullo), cursos de interese para o sector comercial (escaparatismo e empaquetado, entre outros), charlas impartidas polo corpo de bombeiros sobre como evitar certos perigos nos negocios e outras campañas que xurdirán ao longo do ano, sempre adaptándose ás inquedanzas dos diferentes profesionais asociados.

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, agradeceu a ACSIL o seu esforzo na potenciación do comercio local e expresoulles aos membros da directiva que o Concello apoiará as súas iniciativas e colaborará coa entidade tanto a nivel económico como organizativo no desenvolvemento dos eventos, do mesmo xeito que vén realizando durante os últimos anos.

ACSIL conta actualmente con máis de corenta socios dos diferentes sectores comerciais do Concello da Laracha. Aqueles profesionais que desexen asociarse a entidade deben poñerse en contacto con algún dos membros da súa directiva.

2 de maio de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.