Louzán e Sobral reúnense para abordar a mellora da estrada de Campelo

Louzán na reunión con Sobral
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, recibiu esta mañá no seu escritorio do Pazo provincial o alcalde de Poio, Luciano Sobral, con quen abordou a necesaria mellora da estrada de Campelo, que o presidente considera unha obra “moi urxente e necesaria”.
O proxecto das obras, que lle afectarán a un treito de 1,6 quilómetros entre o núcleo urbano de Campelo e o Centro de saúde de Anafáns, suporá un investimento de 1,7 millóns de euros e executarase ó abeiro dun convenio entre o Concello e a Deputación.
Analizar detalles deste convenio foi, precisamente, o obxectivo central da xuntanza entre o presidente da Deputación e o rexedor local, que coinciden na necesidade imperiosa de facer realidade estes traballos para mellorar a seguranza viaria na zona e facilitar a mobilidade dos veciños.
Nestes momentos para pechar o convenio está pendente que o concello negocie cos propietarios a cesión de todos os terreos afectados ó longo do máis de quilómetro e medio de estrada que se pretende reformar, así como a determinación da contía que está en disposición de achegar para o financiamento dos traballos.
Neste senso, cómpre sinalar que boa parte dos 1,7 millóns de euros de investimento que contempla a actuación correspóndese con servizos de competencia municipal como as beirarrúas a ambos os lados da estrada, o saneamento, o abastecemento de auga ou as canalización de telefonía e electricidade.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, amosou “a mellor disposición” da Administración provincial a asinar o convenio e avanzar na execución destes traballos, pero reiterou que non é posible facelo mentres o Goberno local de Poio non teña os terreos necesarios.











