En marcha as obras de mellora do pavimento en nove rúas do casco urbano da Laracha
O Concello da Laracha comezou a exectar o proxecto por medio do cal será mellorado o pavimento en determinados puntos de nove rúas do casco urbano da capital municipal.
A actuación vai dirixida a renovar a superficie de rodadura en cruces de vías municipais coas estradas principais (AC-552 e CP-2404) que vertebran as comunicacións na Laracha.
A través deste proxecto realizouse o fresado e a posta a cota do novo pavimento nestes lugares nos que existen pasos para peóns, afectando aos cruces das rúas Silverio Moreda, Carballo, Plácido Pedreira, Suiza, Santa Lucía, Médico David Mayo Gómez, Río Anllóns e Lino Gómez Canedo.
Ademais, previsiblemente a finais da próxima semana, na rúa Rosalía de Castro realizarase a completa renovación do pavimento entre os puntos de confluencia coas rúas Manuel Murguía e Lino Gómez Canedo, afectando a unha superficie superior de 1.300 metros cadrados.
Este proxecto complementarase con outra actuación deseñada polo Concello da Laracha que inclúe o repintado das marcas viarias –principalmente, pasos para peóns e áreas de aparcamento de vehículos- e que, neste caso, afectará aos tres cascos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e ao Igrexario da parroquia de San Román de Cabovilaño.
Nesta substancial mellora da seguridade viaria, tanto para peóns como para vehículos, nos cascos urbanos do municipio, o Concello da Laracha investirá a cantidade total de 40.000 euros, que financiará con fondos propios.