As obras da Estrada Portela-Souto de Vea estarán rematadas a mediados de xuño
As obras da estrada Portela-Souto de Vea avanzan a bo ritmo e estarán rematadas a mediados de xuño, segundo puido comprobar este mediodía o presidente da Deputación, Rafael Louzán, nunha visita que realizou acompañado polo alcalde da Estrada, José Carlos López Campos; o tenente de alcalde desta localidade, Juan Constenla; o concelleiro de Obras de Cuntis, Manuel Campos; o responsable de Infraestruturas da Administración Provincial, Manuel Juanatey e técnicos da empresa que se encarga da execución dos traballos.
As obras, que contan cun orzamento próximo ós 800.000 euros, suporán unha mellora notable nas condicións de seguridade viaria tanto para vehículos como para peóns, ademais da mellora da pavimentación e do firme da calzada.
A actuación estase a realizar sobre un treito de 6,7 quilómetros e cun ancho de calzada de 6 metros e inclúe a creación de 1.800 metros cadrados de beirarrúas para mellorar a seguridade dos viandantes; a dotación de sumidoiros e colectores que recollerán e evacuarán augas superficiais da calzada; a renovación dos elementos de defensa (que incluirá non só varandas de protección para coches e peóns, senón gardarraís adaptados para a protección dos motoristas) e a sinalización horizontal e vertical da estrada.
Así mesmo, a renovación da pavimentación supuxo a dotación de 25.000 metros cadrados de rega asfáltica e 8.000 toneladas de aglomerado.
Segundo puido comprobar o presidente da Deputación, boa parte destes traballos están xa concluídos e só queda pendente estender a capa definitiva de aglomerado, traballo que estaba previsto comezar a realiza hoxe mesmo, o que non foi posible debido ás condicións meteorolóxicas.
No entanto, en canto o tempo mellore, nun prazo duns tres días procederase a realizar estes traballos de pavimentación e a posterior sinalización horizontal e vertical, polo que a previsión é que entre 15 e 20 días se dean por concluídos os traballos.