publicidade hoxe

Aprobada a modificación do PXOM que permitirá construír o campo de fútbol de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación definitiva do modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello da Laracha, dirixida a categorizar como sistema xeral de equipamentos deportivos públicos un ámbito duns 33.300 metros cadrados de superficie a carón do cemiterio novo de Caión, terreo que quedará cualificado urbanisticamente para albergar o campo de fútbol municipal desta localidade.

A publicación no DOG faise trala emisión dos preceptivos informes favorables de todos os organismos a nivel provincial e autonómico: Deputación Provincial da Coruña, Augas de Galicai, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

A continuación, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, completándose, deste xeito, os trámites administrativos. Será nese momento cando se poderá elaborar o proxecto de expropiación dos terreos afectados.

Cabe lembrar que esta modificación puntual do PXOM veu motivada porque o Concello da Laracha tivo que buscar unha ubicación alternativa para a construción do campo de fútbol de Caión xa que, tras aprobarse o proxecto no emprazamento inicial, completar o proceso de expropiación, poñer os terreos a disposición da Xunta e asinarse o convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte para o financiamento da obra, a posterior aprobación do Plan de Ordenación do Litoral (POL) condicionaba a construción dos equipamentos da nova instalación deportiva, polo que se optou por buscar outro lugar alternativo para acometer esta actuación ao completo.

A nova ubicación permitiría actuar nun ámbito territorial maior ao inicial, posibilitando, ademais, a construción de aparcamentos, zonas verdes e unhas dotacións suficientes para o proxecto previsto do campo de fútbol, detalladas no seguinte desglose de superficies:

– Campo de fútbol e terreo anexo: 8.688 m2

– Área de aparcadoiro e circulación: 4.135 m2

– Área de viario: 1.866 m2

– Área de espazo libre: 17.658 m2

– Área edificable: 953 m2

Salientar, por último, que o terreo de xogo terá unhas dimensións de 105×66 metros.

Para o Concello da Laracha é unha satisfacción este avance na tramitación administrativa que posibilitará crear o primeiro campo de fútbol de titularidade pública na parroquia de Caión.

24 de maio de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.