publicidade hoxe

12 entidades da Lama recibiron os diplomas dos cursos dos programas Pensa en ti, Ti tamén contas e Actívate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

Doce asociacións e entidades da Lama recibiron esta mañá de mans da deputada provincial Ana Isabel Vázquez os diplomas correspondentes ós cursos dos programas Pensa en ti, Ti tamén contas e Actívate, que organiza a Deputación.

En total, foron 190 as persoas que se beneficiaron destes cursos. No caso do programa Pensa en Ti, orientado a promover a igualdade, impulsar o desenvolvemento persoal e social da muller, mellorar a súa calidade de vida e dinamizar as asociacións, impartíronse un total de 10 cursos; 6 deles noutras tantas asociacións e 4 no Centro Penitenciario da Lama.

 

Nestas instalacións impartíronse cursos de aeróbic, bailes de salón, pintura en tea e reciclaxe e reutilización de papel, cartón e plástico, cun total de 54 participantes. Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais As Ermidas elixiu un curso de encaixe de palillos, no que participaron 10 persoas; 13 persoas participaron no de Conservación de Alimentos, impartido na Asociación de Mulleres Rurais Laxa Longa; 9 no de Pintura e Debuxo artístico da Asociación Virxe de Guadalupe; 8 no de Cestería, da Asociación Pedreira da La; e 7 no de Vaíñas e Bordados do Centro Cultural Casino de Antas.

Ana Isabel Vázquez entregoulles os 110 diplomas ós responsables destes cursos, que serán os encargados de achegárllelos ós participantes.

Ademais, entregoulles outros 72 diplomas ós responsables dos cursos do programa Ti tamén contas, orientado a promover a vida activa dos maiores e a dinamización social deste colectivo.

A Asociación de Maiores Virxe dos Remedios impartiu un curso de Ximnasia de Mantemento con 14 asistentes, mentres que outros 13 participaron no curso da mesma temática ó que se acolleu a Asociación de Maiores de Xende e Paradela.

A axilidade mental e as prácticas de memoria foron as temáticas elixidas pola Asociación A Mellor Idade para o seu curso, no que participaron 13 maiores.

No Centro Penitenciario da Lama impartiuse un curso de Taichí con 15 usuarios; e a Asociación de Veciños O Castelo un de Iniciación á Cestería, con 17 participantes.

Finalmente, Ana Isabel Vázquez tamén fixo entrega dos diplomas do curso de Repuxado de Coiro, que forma parte do programa Actívate e no que participaron 8 mozos e mozas.

23 de maio de 2013 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.