Xuventude investirá 300.000 euros en obras de mellora no complexo xuvenil As Mariñas
A Consellería de Traballo e Benestar investirá este ano máis de 300.000 euros en obras de mellora no complexo xuvenil As Mariñas, emprazado en Gandarío. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, para explicarlle en qué consistirán estes traballos e para asegurarlle que estas instalacións son e seguirán a ser de xestión pública.
“Imos realizar obras de actualización e mellora que proban a inequívoca aposta da Consellería por este albergue que seguirá a ser da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado”, destacou Rodeiro.
Os traballos consistirán principalmente na mellora da infraestrutura e o equipamento, ao tempo que se optimizará o sistema de calefacción.
Así mesmo, o director de Xuventude insistiu en que este complexo permanecerá aberto sempre que teña actividade, o que significa, que abrirá ademais da campaña de verán cando existan outras actuacións ao longo do resto do ano. Polo tanto, Rodeiro deixou claro que o albergue non pechará 9 meses ao ano.
En definitiva, Ovidio Rodeiro afirmou que o albergue seguirá a ser de xestión pública e que sempre que haxa actividade permanecerá aberto.











