Renovado o pavimento da estrada entre Raxido e Campo da Porta

Acondicionamento da estrada de Raxido
As favorables condicións climatolóxicas dos últimos días permitiron que se comezasen a executar certas obras de mellora na rede viaria municipal que a intensa e continua choiva dos meses de inverno impediu que se acometeran con anterioridade.
Unha das actuacións desenvolvidas foi a renovación da superficie de rodadura dos vehículos -coa calidade do aglomerado asfáltico en quente- na vía que comunica os lugares de Raxido (parroquia de Cabovilaño) e Campo da Porta (parroquia de Lendo). Unha vez realizada a pavimentación, nos próximos días completaranse os traballos co correspondente pintado das marcas viarias e a sinalización horizontal.
O alcalde, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto, coñeceron persoalmente o desenvolvemento dos traballos cunha visita ao lugar das obras.
Plan de mantemento en estradas da rede viaria municipal
Por outra banda, o Concello da Laracha, tamén iniciou o Plan municipal de mantemento e bacheo da rede viaria, que contempla a realización destas labores en determinados puntos coa finalidade de reparar pequenos desperfectos xurdidos por causa das condicións meteorolóxicas e do propio uso das estradas por parte dos vehículos.
A través deste plan actuarase en estradas das parroquias de Golmar, Lemaio, Lendo, Soutullo e Torás.











