Emilia Ramos Folgar celebrou o seu 100 aniversario

Emilia Ramos festexando o seu 100 aniversario
A parroquia de Golmar conta desde onte cunha veciña de 100 anos de idade. A señora Emilia Ramos Folgar, coñecida como Milia da Calvela (en referencia ao seu lugar de residencia), celebrou o seu primeiro século na súa vivenda e acompañada por gran parte da súa familia, formada polos seus dous fillos –Rafael e Susana-, o seu neto –Suso- e os seus dous bisnetos.
Como é habitual neste tipo de ocasións, José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, tamén asistiu á festa de cumpreanos para felicitar á señora Emilia e agasallala cunha placa conmemorativa e un ramo de flores en nome da Corporación municipal.
Milia da Calvela é a sexta persoa de maior idade das case 11.500 que residen no Concello da Laracha. As outras cinco centenarias tamén son mulleres, non existindo actualmente ningún larachés neste selecto grupo.











