Acto de homenaxe a José Rubinos, presidente da Asociación Protectora da RAG na Habana

Carlos Negreira na homenaxe
A cultura galega débelle moito a Cuba.
Alí a nosa bandeira converteuse en símbolo: unha bandeira que era en orixe a da Comandancia Naval da Coruña.
Alí resucitou o que hoxe é o noso himno: un himno que ten a súa orixe nun concurso convocado polo Concello coruñés.
Alí acolleron o noso vate, Curros, que morreu na Habana e hoxe descansa no bicentenario cemiterio de San Amaro.
E de alí chegaron grandes cantidades de cartos que serviron para manter vivos aquí os nosos alicerces culturais, como a Real Academia Galega, e isto último témosllo que agradecer en gran parte a José Rubinos Ramos.
José Rubinos Ramos naceu na Coruña en 1898 tal día coma hoxe, un 3 de abril. En 1914 ingresou na Compañía de Xesús. Despois fixo as Américas. Primeiro estudou Filosofía e Ciencias en Bogotá e licenciouse en Teoloxía en Quito. En 1929 chegou a Cuba, onde ensinou Historia da Literatura no Colexio de Belén, o máis prestixioso da Habana. Fíxoo durante 32 anos, ata a chegada de Fidel Castro ao poder, o que o obrigou a exiliarse a Florida, onde faleceu en 1963. Por certo, Fidel Castro foi alumno do padre Rubinos Ramos no Colexio de Belén. “Creo que os xesuítas axudáronme a ter un sentido ético”, recoñece no libro Guerrillero del tiempo o propio Castro, que chegou aos 16 anos ao colexio onde daba clase o padre Rubinos.
Desde A Habana, José Rubinos Ramos desenvolveu un excepcional labor difusor da nosa cultura, tanto cara á colonia galega como cara ao exterior. Fixo patria galega en Cuba, especialmente na súa condición de presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega. De feito, conseguiu facer rexurdir esta asociación que antes da súa chegada sufrira unha longa etapa de inactividade. O estímulo económico chegado de Cuba, vía Rubinos Ramos, serviulle á Real Academia Galega para superar tempos complicados.
Home de amplas miras, Rubinos Ramos foi correspondente das Academias da Lingua de Cuba, Colombia e España, así como loxicamente da Real Academia Galega, que o nomeou académico de honor o 20 de agosto de 1954. Era alcalde da Coruña nese ano Alfonso Molina, que non puido acudir ao acto. Si o fixeron para ovacionar o homenaxeado referentes da cultura galega como Wenceslao Fernández Flórez, Seijo Rubio, Carlos Martínez Barbeito ou Julio Rodríguez Yordi, e por suposto tamén estivo presente o seu irmán Antonio Rubinos Ramos, que dá nome ao Refuxio.
No seu discurso daquel 20 de agosto de 1954, Rubinos Ramos recordou os inicios da Real Academia Galega, co seu admirado Manuel Murguía como presidente, e tamén mencionou a José Pérez Ballesteros, que foi director do instituto da Coruña durante un longo período. Rubinos Ramos emocionou ao recordar os miles de galegos emigrados en Cuba: “Neles está latente un permanente estado poético que é intrínseco coa súa estirpe”. Para finalizar, leu un poema dun título realmente curioso: Un cristal feito anacos fala cun neno coruñés.
A súa obra poética e literaria foi traducida a varios idiomas. Á cabeza figura o seu monumental poema en galego, Covadonga (1950, A Habana). Na súa actividade creadora demostrou unha especial querenza pola súa cidade natal, plasmada en obras como O poema da Cruña (1933) e Gabanza da Cruña (1954). Por certo, estas obras quíxenas ler pero non conseguín localizar exemplares. Así que se alguén ten algún destes libros á man, agradeceríalle un préstamo.











