A xunta de goberno adxudica as obras do POS 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou adxudicar os proxectos que se financiarán con cargo á anualidade 2013 do Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS), programa convocado pola Deputación Provincial da Coruña.

Unha vez completados os trámites administrativos correspondentes, nos próximos días, sempre e cando as condicións climatolóxicas sexan favorables, iniciarase a execución das actuacións incluídas no POS, que afectan a dezasete estradas de cinco parroquias do municipio, así como a tres núcleos rurais que serán dotados co servizo de alcantarillado.

En concreto, as estradas que se mellorarán son, por parroquias:

– Caión: O Outeiro, Goxán e acceso a Cimadevila.

– Coiro: Riba, Riba-A Ferraría, Riba-A Lourenceira, acceso a A Ferrulleira, Morgade e Casal do Monte-O Cruceiro.

– Lemaio: A Fontaíña do Medio, Proame-Oldán e Oldán-enlace coa estrada AC-552.

– Vilaño: A Ribela e Marfulo.

– Cabovilaño: A Teixoeira.

– Torás: A Barreira-Riotorto e Gabenlle-Guilfoi.

En canto ao saneamento, crearanse as redes para dar servizo ao tramo desde O Rapadoiro e Coirón (parroquia de Coiro) e aos núcleos de O Retorno (Lendo) e O Igrexario da parroquia de Soutullo.

Cabe lembrar que ao Concello da Laracha correspóndelle percibir con cargo ao POS a cifra de 345.235,12 euros. Por iniciativa do goberno local acordouse que o 50% sería destinado a gastos correntes e unha cantidade similar ao financiamento de proxectos de infraestrutura. Por tanto, e dado que o Concello da Laracha deberá achegar con fondos propios uns 19.000 euros para o cofinanciamento do programa, as obras do POS 2013 na Laracha suporán un investimento superior aos 190.000 euros.

Aspaber, adxudicataria do contrato de Limpeza viaria

Na reunión ordinaria do goberno local tamén foi adxudicado o contrato do servizo de limpeza viaria, que inclúe a realización deses traballos tanto nos cascos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión como en prazas públicas e travesías das parroquias.

A oferta máis beneficiosa para o Concello da Laracha foi a presentada por Aspaber, á que se lle adxudicou o contrato, de seis anos de duración (catro máis outros dous prorrogables), por un importe anual de 51.735,28 euros.

Este é o segundo procedemento aberto dos convocados recentemente polo Concello da Laracha no que a oferta da Asociación de Pais de Discapacitados Físicos de Bergantiños (Aspaber) é a mellor clasificada. O anterior fora o referido á nova concesión do Punto Limpo.

Clasificación ofertas limpeza de edificios

Por outra parte, foron clasificadas as ofertas presentadas para o procedemento aberto do contrato de limpeza de edificios e instalacións de titularidade municipal, no que foi o trámite previo á adxudicación.

A mellor valorada foi a da empresa Valoriza Facilities, S.A.U., cuxa oferta é de 164.000 euros anuais.

O contrato, tamén dunha duración de catro anos prorrogables ata un máximo de seis, inclúe a limpeza da Casa do Concello, o novo edificio administrativo, a Casa da Cultura da Laracha, as bibliotecas municipais da Laracha e de Caión, os centros médicos da Laracha e Caión, o centro sociocultural de Paiosaco, os locais da Ínsua en Caión, a escola infantil A Galiña Azul da Laracha, o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, o CEIP da Fraga, a EEI de Cumiáns), os pavillóns polideportivos de Caión e do IES Agra de Leborís e o campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco).

Plan de finaciamento dos servizos sociais comunitarios da Deputación da Coruña

Por último, acordouse solicitar un ano máis a participación do Concello da Laracha no Plan de financiamento dos servizos sociais comunitarios básicos para o exercicio 2013 da Deputación Provincial da Coruña.

Este programa permite cofinanciar as gastos derivados do persoal adscrito a este departamento e tamén da prestación do servizo de axuda a domicilio. Para o caso do Concello da Laracha, a cantidade solicitada ascende aos 58.600 euros.

29 de abril de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.