A Deputación financiará con 400.000 euros a contratación de 84 desempregados da comarca de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

O Plan de Emprego da Deputación Provincial permitirá que 84 desempregados sen ningún tipo de prestación de 7 concellos da comarca de Pontevedra atopen un traballo en diferentes servizos municipais.

O programa, que financia integramente a Administración provincial, destinará 386.255,52 euros á contratación destas 84 persoas, que se dedicarán, na maior parte dos casos, a actuacións relacionadas coa conservación e ordenación de espazos naturais e forestais, traballos en obras públicas, mantemento de parques e xardíns e limpeza de vías e camiños. No conxunto da provincia contratarase a 720 persoas, cun investimento superior ós 3.310.000 euros.

Operarios por concellos

O persoal que se destinará a estes concellos -12 persoas por cada municipio- será financiado integramente pola Deputación, aínda que este ano serán os concellos os que deban realizar a selección do persoal, que terá que facerse entre o listado de persoas desempregadas sen ningún tipo de prestación que remita o Servizo Público de Emprego.

Os concellos xa lle remitiron ó organismo provincial un listado das súas necesidades de persoal que, no caso do Concello de Poio, se concreta en 4 peóns forestais, 4 peóns de obras públicas e 4 varredores.
En Vilaboa solicítanse 12 peóns, que se destinarán a servizos varios igual ca en Ponte Caldelas.

No caso da Lama, contrataranse 6 peóns forestais, 3 varredores, 2 ordenanzas e 1 operario de maquinaria forestal. En Barro tamén se precisan 4 varredores, ademais de 4 operarios de conservación de parques e xardíns e outros 4 de mantemento de sumidoiros.

En Campo Lameiro a demanda é de 6 peóns de mantemento de espazos forestais, 3 peóns de conservación e mantemento de vías públicas, 2 peóns de mantemento de parques infantís e 1 peón para o mantemento da sinalización municipal.

Finalmente, Cotobade ten solicitados 9 peóns forestais, 2 de mantemento de edificios e 1 tractorista.

Dobre obxectivo

O obxectivo deste plan de emprego é dobre: por un lado, permite que os concellos poidan atender servizos e obras que lles resultan prioritarios e, por outro, facilítalles o acceso a un emprego a 720 persoas que, nestes momentos, se atopan nunha situación moi complicada ó estaren desempregados e carecer de prestacións. 84 desas persoas serán da comarca de Pontevedra.

Os contratos formalizaranse antes do 1 de xuño, serán a tempo parcial e por un período de 6 meses, co que se estenderán ata finais de ano.

23 de abril de 2013 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.