A Deputación destinará 720 persoas ós concellos da provincia para traballar en obras e servizos básicos
Unha vez rematado o prazo para que os concellos presentasen a solicitude de traballadores no marco do Plan de Emprego 2013, todos aqueles ós que vai dirixido este plan (os 60 de menos de 50.000 habitantes) solicitáronlle á Deputación o número máximo de traballadores, establecido en 12 por concello.
Polo tanto, serán 720 as persoas as que se contraten ó abeiro deste plan, o que suporá un investimento de 3.310.760 euros, que se vén sumar ó Plan de práctica laboral no que a Deputación inviste outros 3 millóns de euros.
Desta forma, a Administración provincial destinará neste exercicio máis de 6 millóns de euros á xeración directa de emprego, unha das necesidades prioritarias na provincia e á que se lle quere dar resposta.
Así mesmo, este plan permite que os concellos poidan realizar obras e servizos que doutra forma non poderían, pola escaseza de recursos. Nesta ocasión, serán os propios concellos os que realicen as contratacións, pero o custo total dos traballadores será pagado integramente pola Administración provincial.
As persoas que poden acceder a estes empregos serán desempregados que non reciben ningún tipo de prestación, co obxectivo de atender ó colectivo que nestes momentos se atopa nunha situación máis precaria.











