A Deputación de Pontevedra modifica as bases dos campamentos da Lanzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra modificou as bases de participación nos campamentos da Lanzada e de Príncipe Felipe no senso que lle propuxo a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPAS).

A modificación consiste en incluír o parágrafo “No caso de que o solicitante precise apoio específico derivado da súa diversidade funcional deberá facelo constar na folla de inscrición, especificando o máis posible as necesidades especias que presente. Neste caso, recoméndaslles ás familias poñerse en contacto coa Deputación de Pontevedra no teléfono 986 804 100 para a valoración das necesidades de apoio en relación ós medios específicos dispostos para este fin e dirimir a súa suficiencia para unha axeitada estancia de todos os rapaces no campamento”.

Este parágrafo  substitúe o vixente dende longos anos, que seguía o establecido nas bases doutros campamentos da Xunta de Galicia _tanto na etapa de goberno do PP coma no período do Bipartito_ así como doutros coma os de Gandarío, Ponte Maril ou A Devesa, e que dicía así: “Quedarán excluídos os menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias, así como os nenos con doenzas ou minusvalías que teñen contraindicadas a súa asistencia ó campamento e ó desenvolvemento normal das actividades”.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, sinalou que o prazo para solicitar a inscrición nos campamentos _que remataba hoxe_ queda ampliado en quince días.

Louzán destacou que “non hai Administración pública en todo Galicia que tivera, teña e terá maior sensibilidade para coas persoas con discapacidade que a Deputación de Pontevedra”.

Afirmou que os campamentos da Lanzada pasaron de contar con 400 rapaces no ano 2004 a albergar a 3.000 este ano “e iso que tivemos 6.000 solicitudes”, dixo. Segundo as súas propias palabras “hai quen quere desvirtuar, por todos os medios, este rotundo éxito e por eso tenta desvirtuar e manipular canto pode”.

Na súa comparecencia Louzán manifestou que “nunca lle puxemos impedimentos a ninguén para participar, sólo pediamos que nos informaran en casos particulares”. Engadiu que a Deputación non é partidaria de campamentos exclusivos para ningún sector “senón que somos partidarios da integración”.

Pola súa banda, a deputada de Servizos Sociais, Marta Iglesias, sinalou que as anteriores bases eran similares ás doutras administracións “incluída a Xunta de Quintana”, dixo. Os seus termos nunca foron impedimento para excluír a ninguén, segundo dixo, pois “o campamento sempre funcionou ben, entre a Administración e os pais e por sentido común”.

“Noutras administracións poñen trabas ata o 33% de discapacidade, sen embargo a Deputación de Pontevedra aceptou casos con índices moi superiores”, afirmou, e por iso para a deputada “a institución provincial é un exemplo para outras, traballa todo o ano con atención especial á discapacidade e inviste nesta faceta 12 millóns de euros só en  Príncipe Felipe”, concluíu.

10 de abril de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.