192 desempregados do Salnés e de Caldas serán contratados co Plan de Emprego da Deputación
As comarcas do Salnés e de Caldas recibirán da Deputación unha achega total de 882.869,76 euros, que lle permitirá dar emprego a 192 persoas, no marco do Plan de Emprego 2013 que pon en marcha a institución provincial.
Nos 16 concellos que compoñen as comarcas do Salnés e de Caldas o perfil máis demandado é o de operario de servizos varios, para o que se solicitan un total de 84 persoas, seguido do de peón de obras públicas, para o que se presentaron 62 solicitudes.
Tamén é moi demandado o persoal para realizar tarefas de limpeza, conservación e mantemento de espazos naturais, para os que existe unha demanda de 12 traballadores forestais e 10 operarios de conservación de xardíns, espazos naturais e parques urbanos.
Os 18 traballadores restantes serán 10 operarios de limpeza, 4 traballadores da construción, 2 canteiros e 2 condutores.
Operarios por concellos
Por concellos, no caso da comarca do Salnés, Vilanova de Arousa e Ribadumia demandan 12 peóns de obras públicas cada un; Vilagarcía de Arousa e O Grove, 12 peóns cada un, que se dedicarán a servizos varios; Sanxenxo, 5 operarios para mantemento de viais, 3 para mantemento de edificios e 4 para a mellora de accesos a núcleos de poboación.
Meis precisa 12 peóns de servizos varios para mantemento e conservación de espazos naturais e de instalacións municipais, mentres que Meaño reclama 7 peóns de obras públicas, 3 operarios para conservación de parques urbanos e xardíns, un operario para o punto limpo e un varredor.
Na Illa de Arousa a Deputación financiará integramente a contratación de 12 persoas para mantemento e conservación de espazos naturais e de infraestruturas; e en Cambados contrataranse 12 traballadores forestais.
Na comarca de Caldas, Caldas de Reis demanda 11 peóns de obras e 1 de limpeza; Catoira, 4 peóns de mantemento e mellora de infraestruturas municipais; 5 operarios de limpeza e 3 para mantemento e conservación de espazos naturais. No concello de Cuntis demándanse 4 peóns de obras públicas, 4 peóns da construción, 2 canteiros e 2 condutores de maquinaria. En Pontecesures o persoal dedicarase a obras públicas (6 peóns), xardinería (4) e limpeza de edificios e fachadas (2). En Moraña demándanse 12 operarios de servizos varios, e en Valga e Portas 12 peóns sen especificar.
O perfil do traballador solicitado obedece ás principais necesidades que teñen os concellos nestes momentos, que é, fundamentalmente, a de facer fronte ó mantemento, conservación e posta en valor das infraestruturas e equipamentos que posúen, incluíndo limpeza e mantemento de praias, parques e xardíns, camiños e pistas municipais, así como edificios e locais municipais de uso público.
Cada concello disporá dun total de 12 traballadores, que desenvolverán o seu traballo a tempo parcial e durante un período de 6 meses.
Nesta ocasión serán os propios concellos os que se responsabilicen da selección de persoal, que deberán facer entre desempregados sen ningún tipo de prestación e segundo o listado que lles facilite o Servizo Público de Emprego.
O organismo provincial financiará o 100% os custos salariais dos traballadores, o que permitirá cubrir dúas necesidades prioritarias na actualidade: por un lado, que os concellos poidan atender servizos e obras que lles resultan prioritarios e que sen esta achega lles resultaría practicamente imposible desenvolver e, por outro, facilítalles o acceso a un emprego a preto de 200 persoas das comarcas do Salnés e de Caldas, que, nestes momentos, se atopan nunha situación extrema, ó careceren de prestacións.











