O Observatorio Económico Ourensán reflicte a resistencia á crise da comarca da Limia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), José Manuel Rodríguez, acompañados polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello de Xinzo o Observatorio Económico Ourensán da Comarca da Limia, que abrangue os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Trasmiras, Sarreaus, Sandiás, Rairiz de Veiga, Porqueira, Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar.

As conclusións máis destacadas do informe reflicten que, a diferenza do que está a acontecer no conxunto da provincia, na comarca da Limia non se recrudeceu a crise económica no último ano. Os efectos téñense suavizado desde finais de 2011, despois de ser unha das comarcas ourensás máis golpeadas pola crise durante os tres primeiros anos.

A Limia comparte con outra comarca transfronteiriza, Verín, esta inversión e esta melloría con respecto da situación xeral da provincia. A perda neta de centros de traballo limítase a 38 desde o comezo da crise, e só sufriu unha perda neta (diferenza entre aperturas e peches) de 38 centros de traballo desde o ano 2007. Pasou de contabilizar 1.485 a 1.447, polo que a súa contribución sobre o total de centros de traballo existentes na provincia de Ourense mantense intacta por enriba do 6%.

Esa redución de centros de traballo equivale a unha perda do 2,6% do total, moi inferior ás variacións negativas do Ribeiro (-4,5%), da Baixa Limia (-5,1%), de Valdeorras (-5,1%), de Viana (-5,3%), de Terra de Celanova (-7,7%) e de Terra de Caldelas (-10%).

Entre as cabeceiras de comarca, Xinzo de Limia ofrece a terceira mellor evolución. En tempos de crise logrou aumentar en 48 o seu censo de unidades locais, ao pasar de 902 a 950. Neste ranking só estivo por debaixo de Verín (cun aumento de 68) e de Allariz (55). E no total dos 92 concellos da provincia, Xinzo de Limia marcou o 18º maior aumento porcentual, cifrado no 5,3%.

Sen embargo, en canto á evolución dos centros de traballo nas zonas rurais a comarca da Limia é a que ten máis concellos con maior perda de unidades locais en porcentaxe. Sete municipios limiaos figuran nesa relación -Porqueira, Sandiás, Rairiz de Veiga, Os Blancos, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Trasmiras-, con diminucións que varía entre o 13% e o 24%.

Seguridade Social

No último ano, A Limia foi a cuarta comarca ourensá con mellor comportamento das afiliacións á Seguridade Social. En taxa interanual diminuiron o 2,5%, medio punto porcentual por debaixo da media da provincia e tres décimas por debaixo da media galega. No caso concreto da cabeceira de comarca, Xinzo de Limia comparte con Allariz a mellor serie entre as doce capitais comarcais. No último ano a perda de afiliados en Xinzo limitouse ao 1,2% e no período 2008-2012 ao 2,8%, cando as reducións medias da provincia acadaron o 3% e o 7%, respectivamente, e as de Galicia o 2,8% e o 8,2%.

Entre os 92 concellos ourensáns, só nove presentan desde o comezo da crise mellor evolución das afiliacións que Xinzo de Limia. E dous municipios da comarca, Calvos de Randín e Sandiás, son dous dos oito únicos concellos da provincia onde aumentou o número de afiliados no último ano. En Calvos de Randín subiron un 2,5%, só por detrás do 4,9% logrado por A Mezquita, e en Sandiás aumentaron un 0,3%. No lado oposto, tres municipios da Limia -Porqueira, Os Blancos e Sarreaus- figuran entre os dez da provincia con peor comportamento das afiliacións entre 2008 e 2012.

Paro

Nos tres primeiros anos da crise, A Limia sempre repetiu como unha das tres comarcas ourensás con maior aumento porcentual de parados. Sen embargo, no último ano logrou suavizar os efectos que a crise provoca sobre o mercado laboral, ata situarse como unha das cinco comarcas con mellor evolución desta temida estatística.

Só A Baixa Limia, Verín, O Ribeiro e Allariz-Maceda presentan mellor serie interanual do paro que A Limia. Aínda así, esta comarca sufriu un repunte do 9,5%, case dous puntos menos que a media provincial e un punto menos que a media galega. Xinzo de Limia é a quinta cabeceira comarcal con menor crecemento do paro no último ano. O seu rexistro do 9,1% de aumento só se viu rebaixado en Bande, Verín, Allariz e Ribadavia.

Calvos de Randín e Vilar de Barrio destacan entre os concellos ourensáns con baixada do paro interanual. No último ano, a taxa de variación do paro só baixou en once municipios da provincia, e dous deles pertenecen á comarca da Limia. Calvos de Randín marcou a quinta maior baixada (-4,4%) e Vilar de Barrio a sexta (-3,8%).

O caso de Vilar de Barrio resulta aínda máis salientable, xa que é un dos tres únicos concellos ourensáns que asinan diminución do paro desde o inicio da crise. Así, no período 2008-2012 logrou unha redución do 23,2%, só por detrás do 37,5% marcado pola Teixeira.

Sectores manufactureiros de tecnoloxía

O Observatorio Económico Ourensán detalla que a comarca da Limia presenta o quinto maior índice de especialización da provincia nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta (inclúen a fabricación de produtos farmacéuticos e a fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos). En proporción sobre ás afiliacións totais, o seu nivel de especialización é comparable ao da comarca de Ourense e está por debaixo dos de Allariz-Maceda, A Baixa Limia e Terra de Celanova.

Con todo, o peso relativo é feble, o paro medra e as afiliacións diminúen neste sector. A Limia é a cuarta comarca con maior incremento do paro nos sectores de alta tecnoloxía, ao crecer un 45% no período 2009-2012 e un 20,8% na comparativa 2011-2012. Pola súa banda, as afiliacións caeron un 8,6% no último ano, estatística que só empeora en Valdeorras (-16,1%) e na Baixa Limia (-16%).

Ademais, A Limia ten un reducido peso relativo sobre o conxunto provincial dos sectores tecnolóxicos. Só achega o 3,1% deste emprego especializado (pouco máis dun centenar de postos de traballo), cando a súa ponderación tería que ser xustamente o dobre, si se ten en conta a súa achega (6%) sobre o total de afiliados da provincia.

18 de marzo de 2013 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.