Louzán confirma que a Deputación dotará de céspede artificial ao campo de fútbol de Covelo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Covelo na que incluíu unha xuntanza de traballo para escoitar demandas do alcalde, José Costa, e unha visita á Ponte de Casteláns que quedou derrubada o pasado decembro pola forza do temporal.
Esta ponte sobre o río Verdexo enlaza as parroquias de Castelláns (Covelo) e Lougares (Mondariz). No seu día construirase unha ponte entre os lugares de Roteña e Pena, no núcleo de Costa, pero o aumento do tráfico e a implantación do transporte escolar motivou que a Deputación de Pontevedra executase un proxecto de tubular a mediados da década dos anos 80 que agora se derrubou a causa da erosión das pezas situadas en contacto co leito do río.
A ponte, que foi visitada recentemente polo delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, será previsiblemente reparada pola Consellería de Obras Públicas en colaboración coa Deputación, pois o concello non dispón de fondos para realizar o traballo.
Na súa visita a Covelo, Louzán escoitou demandas do alcalde relacionadas coas estradas Lamosa-Covelo e Barciademera-Covelo. Nesta última, a Deputación xa investíu 600.000 euros no tramo Ponte do Val-Barciademera-Covelo.
Na súa visita, Louzán confirmou ao alcalde que a Deputación dotará de céspede artificial o campo de fútbol de Covelo para o que a institución provincial consignou unha partida de preto de 500.000 euros.
Finalmente, o presidente da Deputación visitou algunhas das obras que a Deputación acometeu dentro do seu Plan de Inversións no concello, sobre todo a ampliación da rede de saneamento en Bugariña e a renovación da estrada (cunha inversión de 120.000 euros), así como o acondicionamento das casas da cultura de A Graña e Lamosa.











