Gran participación veciñal no I Arquivo Histórico de Imaxes de Oroso

Recibo da Contribución de 1930
Os tres primeiros meses da campaña de recollida de imaxes posta en marcha polo Concello de Oroso para crear o primeiro arquivo histórico de imaxes da comarca foron todo un éxito. A gran participación dos veciños e veciñas do municipio está permitindo reunir varias ducias de fotografías históricas do municipio, entre as que figuran numerosas imaxes de veciños e veciñas, de actos relixiosos (vodas, comunións, etc), de actos sociais (mallas, festas populares, etc).
O responsable de todo o procedemento do arquivo, o historiador local Manuel Pazos Gómez, explica que “entre as imaxes máis interesantes que apareceron neste tempo figuran fotos da guerra en Marrocos, de cando España era dona do Sahara, e tamén unha película de doce minutos sobre unha malla do ano 1964, posiblemente en Marantes (Santiago de Compostela)”. Unha recollida na que tamén se atoparon numerosos documentos de interese histórico que, en moitas ocasións, veñen nas mesmas carpetas ou álbums que as fotografías.
Documentos de interese históricos
Por esa razón, e ante o interese histórico dalgúns destes documentos, o Concello de Oroso decidiu ampliar o seu proxecto de arquivo e recoller tamén documentación histórica relacionada co municipio. Así, nestes primeiros tres meses teñen aparecido documentos como unha cartilla de racionamento a medio usar do ano 1952, varias cartillas de escolaridade dos anos sesenta, unha cartilla do “Servicio Social de la Mujer” da Falanxe (que certificaba que esa veciña aprobara uns “cursos de mulleres”), un diploma de mestra da II República, recibos da contribución do ano 1930, letras de bancos dos anos 50 (emitidas polo Banco Pastor de Ordes), unha papeleta orixinal do referendo de 1976 (sobre a Lei para a Reforma da Política), recibos do “Día de plato único y lunes sin postre” de 1937 (ideados polo xeneral Queipo de Llano como xesto cara os soldados e que despois quedou como obriga aos restaurantes, que destinaban o sobrante a beneficencia), etc.
“Unha ampla documentación entre a que se atopan tamén cartas e almanaques dos anos 20, catálogos de radios antigas…”, explica Manuel Pazos, quen indica que o Concello de Oroso se centrará “naqueles documentos que teñan un interese histórico”. Entre as maiores curiosidades atopadas ata o momento figuran un recibo da contribución territorial de 1930 na que se especifica que o “Cura de Marzoa” aboaba 9 pesetas e 15 céntimos en concepto de contribución; unha cédula persoal de 1937 por 2 pesetas e 25 céntimos (trátase dun documento de identificación persoal ata a aparición do DNI e tamén dun imposto bianual) ou recibos da “Sociedad de Agricultores de Santa María de Parada”, datados en 1932 (pois foron prohibidas en xullo de 1936). Un destes documentos, polo seu gran valor histórico, incluso vai formar parte dunha tese doctoral da Facultade de Historia de Santiago de Compostela.
Recollida permanente
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, asegura que estamos diante dun proxecto ilusionante xa que, entre todos, recuperaremos e garantiremos que o noso patrimonio cultural non se esqueza nunca”, polo que lembra que “a recollida e achega de documentación é permanente, sen ningún tipo de límites de tempo ou de prazo”. Así, todos os veciños e veciñas que desexen colaborar nesta iniciativa só teñen que dirixirse ao centro cultural de Sigüeiro, en horario de tarde, para a realización da copia dixital das súas imaxes.
Tamén poden enviar a copia dixital eles mesmos a través do mail: arquivoimaxes@concellooroso.com, indicando claramente a procedencia das fotos ou dos documentos. Para aquelas persoas que non se poidan desprazar ata Sigüeiro ou non dispoñan de escáner, o Concello de Oroso habilita unha terceira fórmula: chamar ao 981 690 903 e deixar o enderezo, de xeito que as imaxes se recollerán na vivenda da persoa e lle serán devoltas posteriormente.
O Concello de Oroso lembra que as fotos orixinais seguirán en poder do veciño ou veciña, que só cederán a copia dixital. Para iso, os propietarios das imaxes asinarán un documento de cesión desa copia, autorizando o seu almacenamento, reprodución e difusión. O Concello de Oroso catalogará e arquivará todas esas fotografías segundo temática, data, lugar… a través dun programa de xestión de arquivos dixitais, garantindo así a conservación das fotografías e a creación dunha fonte documental para a historia de Oroso e de Galicia. Neste sentido, Leira Piñeiro alerta de que “é importante que non se perdan estes documentos tan valiosos, que en moitas ocasións se perden porque están en papel e se humedecen. Por iso queremos dixitalizalos e poñelos ao servizo da sociedade, en xeral, e dos investigadores, en particular”.
Colaboración dos fotógrafos locais
Un dos obxectivos marcados ao inicio do proxecto xa está acadado: conseguir a colaboración dos fotógrafos locais de Oroso. Manuel Pazos explica que tanto Antonio Matías Fotografía como Foto Silvia “xa amosaron a súa total disposición a colaborar, xa que dispoñen de numeroso material fotográfico, sobre todo de veciños que pediron unha restauración desas imaxes. Agora, poranse en contacto cos propietarios desas fotos para pedir a súa cesión ao Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso”.
Ademais de recuperar estas imaxes, o Concello de Oroso porá en valor estas fotografías a través da edición de libros, organización de exposicións e creación de álbums dixitais. Neste sentido, porase a disposición de todos os internautas unha páxina web dende onde poderán consultar esas imaxes. Así, o Concello de Oroso dá continuidade a unha labor xa iniciada en 2004 coa edición do libro “Concello de Oroso. Guía histórica en imaxes”. Unha publicación que recolle 308 fotos das 11 parroquias e nas que se inclúe o patrimonio máis importante de cada unha delas e algunhas imaxes cedidas polos veciños. Así pódese, por exemplo, comprobar a evolución urbanística de Sigüeiro.
Un traballo complementado en 2007 coa edición do libro “San Martiño de Marzoa. Imaxes para o recordo”, que recolle 321 fotografías achegadas polos veciños desta parroquia e que foron clasificadas nos seguintes apartados: a escola, a primeira comunión, casamentos,o traballo, as festas, a emigración e a guerra.











