Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O vindeiro 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller. Unha data que todos desexariamos que fose xa só a celebración da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

Pero iso é aínda hoxe só un desexo, porque malia que foron moitos os avances conseguidos nestes máis de 100 anos de loita, as mulleres seguen sendo na actualidade vítimas de discriminación e dun trato desigual en todos os ámbitos da sociedade.

En momentos coma o actual, esta situación tende a agravarse aínda máis, polo que é imprescindible seguir implicándose de cheo para fortalecer o papel das mulleres na sociedade e avanzar nunha igualdade que agora é legal pero non real.

A igualdade efectiva ten que ser asumida por toda a sociedade no seu conxunto como un ben irrenunciable e como un camiño ineludible para un maior benestar social e económico que, sen dúbida, redundará en maiores niveis de desenvolvemento e nunha sociedade máis xusta.

Non podemos obviar os datos que nos falan de que España é un país que, a pesar da aposta que nas últimas décadas leva feito pola equiparación de dereitos entre homes e mulleres, rexistra aínda notables desigualdades no ámbito laboral, social, familiar …

Hoxe, 2 de febreiro, cando se celebra o Día Internacional da Igualdade Salarial, non podemos esquecer que as mulleres perciben un salario claramente inferior aos homes por igual traballo (un 22%), sofren unha elevada taxa de desemprego (do 25%), teñen unha moitísima menor presenza en postos directivos tanto na administración (só o 30%) como na empresa privada (11,5%), teñen maior taxa de temporalidade, concentran a maior parte dos contratos a tempo parcial por necesidade e, ademais, sobre elas segue recaendo o peso da atención á familia (o 95,5% das excedencias para coidado de fillos e o 85% das solicitadas para coidado de dependentes corresponden a mulleres) e do coidado do fogar.

Ante esta situación, é evidente que aínda queda un longo camiño por percorrer. Este día tennos que servir para seguir dando pasos e, sobre todo, para preocuparnos e ocuparnos desas mulleres que ademais dos problemas xerais da sociedade actual sofren os derivados desa brecha existente aínda entre homes e mulleres.

Por todo o exposto, o Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra acorda:

• Recoñecer e valorar o traballo que en todos os ámbitos da vida e ao longo de toda a historia desenvolveron e seguen a desenvolver as mulleres, porque non podemos esquecer que unha das causas que incide na desigualdade é a invisibilización do papel das mulleres na sociedade.

• Apostar por políticas de igualdade que permitan ir minimizando a brecha existente na actualidade tanto no acceso ao traballo, como nos salarios, como no desenvolvemento profesional e na promoción da muller.

• Impulsar, defender e reclamar medidas que contribúan á conciliación da vida profesional, familiar e persoal, apostando por un cambio de mentalidade a nivel social, empresarial e político que faga compatible a vida profesional e familiar de homes e mulleres.

• Instar ao Goberno do Estado e ao Goberno da Xunta a dispoñer dos recursos que sexan necesarios para evitar que o impacto da crise agrave a vulnerabilidade das mulleres nas situacións de pobreza e exclusión social.

• Instar ao Goberno do Estado e ao Goberno da Xunta de Galicia a que leven a cabo programas de apoio empresarial a mulleres co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e o autoemprego.

• Prestar especial atención ás mulleres do rural, como piar fundamental na fixación de poboación e como motor dinamizador que en plena crise está amosando capacidade de reacción e de adaptación, con actividades innovadoras e xeradoras de emprego e riqueza (turismo rural, agroturismo, produción ecolóxica, artesanía tradicional).

• Instar ao Goberno do Estado a que neste ano 2013 elabore un Plan estratéxico contra a Discriminación Salarial entre mulleres e homes, co fin de identificar e erradicar a brecha salarial.

En definitiva, o Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra quere poñer en valor o papel das mulleres, apostar por políticas que contribúan a facer real unha igualdade que agora só é legal, e convidar a toda a sociedade a traballar unida por unha causa –a igualdade- que non é das mulleres, senón de todos.

22 de febreiro de 2013 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.