A Deputación colaborará na construción da ponte de Ribadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraProvincias
A-
A+

Instante da visita

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Ponteareas, Salvador González, asinaron hoxe un convenio de colaboración que posibilitará a Construción dunha nova Ponte de Ribadas na parroquia de Celeiros. O importe desta actuación que ascende a 145.667,43 euros financiados integramente pola Deputación.

Segundo recolle o documento asinado, á Deputación Provincial de Pontevedra corresponderalle a licitación, dirección, execución e recepción das obras. O Concello de Ponteareas obrígase, pola súa banda, a poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios; obter a correspondentes licenzas municipais e tramitar as autorizacións que foran precisas; e levar a cabo o mantemento da infraestrutura trala súa recepción.

Actuación Proxecta

Concello e Deputación proxectan construír unha nova ponte con luz entre apoios de 12,50 metros; ancho de taboleiro de 9 metros; e altura libre sobre o couce de 2,90 metros. O ancho de carrís de circulación será de 3 metros con arcéns de 0,50 metros. Contará, asemade, con beirarrúas de 1 metro de ancho, parcialmente en voladizo, e pretiles en ambos lados do taboleiro.

O taboleiro estará composto por vigas prefabricadas e capa de compresión de formigón armado. As cimentacións e os estribos de apoio tamén serán de formigón armado ou prefabricado.

A Ponte de Ribadas está situada na estrada municipal que une as parroquias de Celeiros (Ponteareas) e Vilacoba (Salvaterra de Miño). Actualmente, ten unha lonxitude de 12,50 metros e un ancho de 5 metros e unha altura libre sobre o couce de 2 metros, dous estribos laterais e un apoio central de formigón armado.

Segundo informaron, presenta unha serie de danos estruturais irreversibles que impiden a súa utilización de xeito seguro, sendo preciso a súa demolición para construír unha ponte nova.

Todas estas actuacións supoñen unha inversión importante, que nestes momentos o Concello de Ponteareas non pode abordar por sí só, de aí que precise a cooperación da Deputación. Por este motivo, e conscientes do deficiente estado da ponte, dixo Louzán, vamos a colaborar con esta actuación. Consideramos apremiante a súa realización dado que o seu uso continuo pode acarrear un perigro de derrumbamento co conseguinte risco así coma a interrupción da actividade social, económica e a degradación ambiental que isto suporía.

17 de decembro de 2012 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.