publicidade hoxe

A Coruña acolle o VII Festival Arte pola Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal Portada
A-
A+
Valentín García e Ovidio Rodeiro na presentación do festival

Valentín García e Ovidio Rodeiro na presentación do festival

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial Ovidio Rodeiro presentaron hoxe pola mañá en rolda de prensa o VII Festival Arte pola Igualdade, unha actividade coa que o CEIP Eusebio da Guarda, o Centro de Educación Especial (CEE) Nosa Señora do Rosario e Conservatorio de Música da Coruña (CMUS) se suman á conmemoración das Letras Galegas 2018 no marco da programación institucional da Xunta e baixo a coordinación dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). A cita é mañá, xoves, ás 19:00 horas, con entrada libre e de balde que se pode retirar no despacho de billetes do Teatro Colón da Coruña, espazo no que se vai celebrar.

Valentín García animou “a toda cidadanía a asistir a esta actividade que conxuga creatividade, sensibilidade e integración coas nosas letras e homenaxea a María Victoria Moreno”.

O secretario xeral e o delegado territorial estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, Indalecio Cabana; e mais polos tres directores dos centros promotores da iniciativa, Juan Manuel Millares, do CEIP Eusebio da Guarda; Noelia López, do CEE María Mariño; e Jesús López, do CMUS.

VII Festival Arte pola Igualdade

O CEIP Eusebio da Guarda, o CEE María Mariño e o CMUS da Coruña celebrarán as Letras Galegas a través do Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo para todos os públicos que terá como protagonista e anfitrión o seu alumnado e que se poderá gozar mañá desde as 19:00 horas no Teatro Colón da Coruña.

O cartel do festival inclúe a representación dunha adaptación da peza O velorio, de Francisco Taxes, polo alumnado do CEIP Eusebio da Guarda e do CEE Nosa Señora do Rosario; ademais da interpretación musical das pezas Na eira, Camariñas, Ribeirana, Bonse Aba, Tormenta, Maio Longo, Negra Sombra, Caniquedo, Muiñeira-Pasodobre e Himno galego polo alumnado do CMUS profesional.

O festival conta tamén coa colaboración dos CIFPs Ánxel Casal-Montealto (apoio á comunicación); Someso (maquillaxe e peiteado), Imaxe e Son (medios audiovisuais) e Leixa de Ferrol (cartelaría). A entrada é de balde ata completar a capacidade do teatro e poderase retirar previamente no despacho de billetes. Toda a información no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

9 de maio de 2018 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.