publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia ao Concello de Cabanas na mellora da súa eficiencia enerxética coa renovación do alumeado público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasLocal Portada
A-
A+
Ángel Bernardo Tahoces na sinatura do convenio

Ángel Bernardo Tahoces na sinatura do convenio

A Xunta mantén a súa aposta polo impulso do aforro e da eficiencia enerxética coa sinatura dun convenio co Concello de Cabanas para a renovación do alumeado público no contorno do piñeiral da praia da Madalena. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asistiu esta mañá á firma do acordo e destacou que a iniciativa pode ser “un escaparate para os concellos costeiros de Galicia” xa que, ademais do importante aforro enerxético e económico, a actuación mellorará a imaxe do contorno.

Tal e como explicou o director xeral, a Xunta aportará o 98% do investimento necesario -que en total ascende a 592.000 euros- para a substitución dos preto de 300 puntos de luz cos que conta na actualidade e que presentan deficiencias causadas polo ambiente mariño, como a oxidación, e problemas de canalización das liñas eléctricas subterráneas.

A nova actuación, que consistirá na implantación de luminarias con tecnoloxía LED, permitirá mellorar a iluminación, o que redundará nun maior benestar e seguridade para os usuarios da zona, así como un importante aforro tanto no consumo -de 136.300 kWh ao ano, equivalente ao consumo anual de 40 familias- como na factura da luz do Concello -de máis do 80%, o que se traduce en 23.500 euros ao ano-. Así, a utilización de luminarias de elevado rendemento enerxético e longa vida útil pretende fomentar un uso racional da enerxía e a óptima xestión dos recursos enerxéticos, que servirá para que este proxecto sexa un referente para futuras actuacións e investimentos.

Trátase dun novo paso no compromiso da Xunta por fomentar a cultura do aforro e eficiencia enerxética entre as administracións, as empresas e os fogares galegos. Así, entre 2011 e 2016, as actuacións impulsadas desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), supuxeron a renovación de 50.000 puntos de luz nos concellos galegos. En total, destináronse, neste período, 15,4 millóns de euros a axudas que permitiron un aforro eléctrico de 21.100 MWh/ano -equivalente ao consumo anual de 6.000 familias- e un aforro económico de 3 millóns anuais.

Por outra banda, nos últimos 5 anos, o Goberno galego apoiou preto de 1000 proxectos de eficiencia enerxética no eido da industria e dos servizos, o que supuxo ter acadado un aforro enerxético anual equivalente ao consumo de 60.000 vivendas. Nos últimos anos tamén se favoreceu a redución da factura eléctrica nos fogares galegos a través de iniciativas como o Plan Vivenda e as axudas para a instalación de equipamentos que utilizan enerxías renovables.

O obxectivo, dentro das Directrices Enerxéticas 2018-2020, é seguir mellorando o aforro enerxético durante este período. En concreto, preténdese aforrar 2.858 GWh -o equivalente ao consumo de 840.000 familias galegas- e 461 millóns de euros.

11 de abril de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.