publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña rematará en 2019 a construción de sendas peonís nas vías provinciais do Camiño Fisterra-Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterraLocal PortadaMuxía
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobará este venres un proxecto para a construción de 5.180 novos metros de sendas peonís que contribuirán a mellorar a seguridade dos peregrinos na prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago. As obras contan cun orzamento de 893.378,79 euros.

O proxecto suporá a construción de catro novos tramos de sendas de dous metros de ancho ao longo da estrada provincial DP 5603 Negreira a Marco do Condado entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 ao 8+820, 8+750 ao 10+770 e 11+110 ao 12+900, no termo municipal de Negreira, en zona nas que na actualidade non existe paso habilitado para peóns.

O pavemento desta senda realizarase en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

Esta senda súmase ás xa executadas pola Deputación na prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago ao seu paso polos concellos de Dumbría, Muxía e Santa Comba, nas marxes das estrada provinciais DP 3404 (dous tramos con 650 metros de lonxitude e un investimento de 261.066,33 euros), e DP 5604 e 5201 (dous tramos dun quilómetro de lonxitude e un investimento de 207.088 euros).

Asemade, o departamento provincial de Vías e Obras que dirixe o deputado José Manuel Pequeño Castro traballa actualmente na redacción dun proxecto para a ampliación da plataforma da ponte de Olveiroa, no PK 20+500 da estrada DP-3404, que servirá para facilitar o paso dos camiñantes por este punto, cuxa estreita sección non permite actualmente garantir a adecuada a seguridade dos peóns. Este proxecto conta cun orzamento estimado de 693.000 euros.

Todas as vías provinciais no Camiño Fisterra-Muxía terán senda

Coa execución destes proxectos, completaríase o plan da Deputación da Coruña de dotar de senda peonís a todas as estradas provinciais polas que discorre o Camiño Fisterra-Muxía, segundo afirmou o deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial e alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño.

“Xa temos avanzado moito e esperamos que antes do final do mandato teremos completado 6,8 novos quilómetros de sendas no Camiño Fisterra-Muxía, cun investimento que superará os dous millóns de euros e que contribuirán a facer máis cómodo e seguro para os peregrinos un itinerario Xacobeo cada vez máis transitado”, afirmou Pequeño, que destacou tamén que a Deputación segue traballando tamén na redacción de proxectos e construción de sendas peonís nas estradas provinciais polas que discorren outros itinerarios coma o Camiño Inglés (onde se están a realizar actualmente medicións do tráfico para marcar a prioridade das actuacións), o Camiño Primitivo ou o Camiño Portugués, onde xa se detectou a necesidade de mellorar a seguridade peonil na zona do Milladoiro da DP 0206.

21 de febreiro de 2018 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.