publicidade hoxe

Xornada de convivencia de persoas usuarias do servizo de teleasistencia en Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisPontevedra
A-
A+

A Biblioteca ‘Roberto Blanco Torres’ de Cuntis acolle, o xoves 24, a IV Xornada de Convivencia de Persoas Usuarias do Servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra. Desenvolverase pola tarde, de 5:00 a 18:30 horas, e de momento conta cunha vintena de persoas inscritas procedentes dos concellos de Catoira, Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moraña e Pontecesures. Esta é a segunda xornada de convivencia que se realiza en Cuntis, polo que algunhas das persoas que asisten xa se coñecen da edición anterior; o obxectivo último é que poidan contar cun momento lúdico no que relacionarse con outras persoas coas que comparten a mesma situación e similares problemáticas.

Os usuarios deste servizo son persoas maiores ou con discapacidade, que viven soas ou pasan a meirande parte do día sen compañía e precisan apoio para continuar vivindo no seu domicilio. Trátase dun servizo preventivo que responde ás emerxencias que se poidan producir no fogar destas persoas que, con só pulsar un botón, inician un protocolo que mobiliza os recursos precisos para solucionar a súa situación. Neste sentido a deputada provincial de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, cualificouno coma ” un servizo básico para dar resposta ás necesidades das persoas maiores que viven no rural e que lles permite manter a súa autonomía e seguir vivindo no seu medio habitual durante o máximo tempo posible”.

Para acceder ó servizo de teleasistencia é preciso solicitalo a través dos servizos sociais dos concellos que participan no programa de teleasistencia domiciliaria da Deputación. Actualmente son 47 os concellos que asinaron o correspondente convenio co organismo provincial para formar parte deste programa, todos eles con menos de 20.000 habitantes. Deste xeito “dáse resposta á poboación dos concellos máis pequenos, que teñen as características comúns de vivir en zonas rurais, moitas veces en vivendas illadas, e cun alto grao de avellentamento”, afirma Eva Vilaverde.

Para beneficiarse do servizo é preciso ter unha liña fixa de teléfono e un certo nivel de comprensión e discernimento, polo que se exclúe a persoas con dependencia e con dificultades de audición ou expresión oral. A través da liña de teléfono instálase na vivenda un dispositivo conectado a un medallón que leva ininterrompidamente a persoa usuaria. Ante unha situación de emerxencia a persoa pulsa o botón do medallón e ponse en marcha o protocolo necesario.

O servizo de teleasistencia está operativo durante as 24 horas do día e os 365 días do ano. Os operadores que recollen as emerxencias, ademais de trasladarlle a emerxencia ó servizo que corresponda (como por exemplo os servizos sanitarios), teñen unha lista de contactos coa chave do domicilio de cada persoa usuaria. As emerxencias máis habituais responden a caídas e crises de ansiedade, aínda que tamén se teñen dado situacións de roubos na vivenda.

No mes de agosto foron 401 as persoas que fixeron uso do servizo de teleasistencia; todas elas responden ó perfil de persoa maior que vive soa ou sen compañía durante a maior parte do día, ou que aínda convivindo con outras persoas, estas tamén presentan características de idade ou discapacidade que lles impiden desenvolverse con autonomía.

22 de setembro de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.