publicidade hoxe

Boqueixón levará a cabo obras de mellora viaria en nove quilómetros de sete estradas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

O concello de Boqueixón iniciará nas vindeiras semanas as obras de mellora de sete pistas e estradas de competencia municipal, que afectarán a máis de nove quilómetros de vías e contan cun orzamento global de 250.000 euros.

As obras de mellora teñen un tempo de execución por contrata de seis meses, inda que o alcalde, Ovidio Rodeiro, agarda que poidan estar finalizadas antes de que acabe o verán, para aproveitar o bo tempo. As empresas adxudicatarias destes contratos son Hermanos Couto Fandiño e Oviga.

Polo seu volume de tráfico, destacan o arranxo de rúa que enlaza a igrexa de Lestedo co centro de Interpretación do Pico Sacro; a mellora da estrada de Loureda a Lavacolla, que ademais levará un sobreancho para conseguir unha anchura uniforme de 5 metros; e a estrada que enlaza Boqueixón con Codeso a través das aldeas de Maravexás, Santaia e Casaldesuso.

Outras vías que se van a mellorar con este plan de obras son as de Castro de Abaixo a Noente (Sergude); Papete a Fábrica de mobles (Oural); AC-960 a Senande (Lamas); eDeseiro de Abaixo (Sergude) a Rubial (Lestedo).

Estas actuacións forman parte dos Plans de Obras e servizos e de Aforro e investimento da Deputación da Coruña e están cofinanciadas polo organismo provincial e polo concello de Boqueixón. 

26 de xuño de 2015 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.