publicidade hoxe

O Concello de Cedeira inicia as obras de pavimentación e mellora da accesibilidade na rúa Deportes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+
Obras na rúa Deportes

Obras na rúa Deportes

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, informou esta mañá do inicio das obras de mellora na rúa Deportes, a principal arteria de comunicación do pavillón municipal polideportivo. Unha vía moi concorrida en pleno centro urbano e que comunica tamén directamente co instituto do municipio, o campo de fútbol ou a estación de autobuses. Precisamente, ese uso asociado ao paso do tempo motivou o deterioro progresivo que agora se pretende remediar.

Con tal fin, o rexidor apuntou que o Concello destinará algo máis de 41.000 euros, procedentes do programa DTC da Deputación provincial da Coruña. Así mesmo, a actuación xa en curso mellorará significativamente a accesibilidade do vial, facilitando o seu uso con todas as garantías a persoas con mobilidade reducida. O concelleiro de Obras, Alfredo Vilela, explicou que a intervención, cun prazo de execución de dous meses, comezaba a pasada semana coa demolición dos bordillos e das beirarrúas, nun avanzado estado de deterioro.

Engadiu que os traballos contemplan a pavimentación da capa de rodadura da calzada e a execución de novos bordillos e beirarrúas cos correspondentes pavimentos táctiles e de cor nos vados peatonais. Así mesmo, completarase coa instalación de pasos peatonais elevados, que actúen como reductores de velocidade. Doutra banda, aínda que no mesmo entorno, o Concello tamén levará a cabo a urbanización dunha nova rúa contingua á rúa Deportes.

Neste caso, a actuación financiaráse a través dun convenio de colaboración por valor de 52.000 euros suscrito a primeiros de mes entre o alcalde e o presidente da Deputación, Diego Calvo, e permitirá mellorar a mobilidade na zona e sumar ata cincuenta prazas de estacionamento. Precisamente, o punto de inicio do novo vial será a rúa Deportes, e prolongaráse ata o peche actual que delimita cunha parcela privada ao noroeste.

22 de xaneiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.