publicidade hoxe

Máis de 1.200 persoas conseguen traballo en seis meses de funcionamento do novo programa de seguimento para desempregados estreado nas oficinas de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o resultado dos primeiros 6 meses de funcionamento do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego posto en marcha en xuño de 2023, que permitiu a máis de 1.200 persoas desempregadas rexistradas nas oficinas de emprego atopar unha ocupación nese período.

Tal e como explicou, esta iniciativa naceu “para axudar e analizar a situación de falta de emprego entre os colectivos con máis dificultades” para atopar un posto de traballo. “Trátase de facer un seguimento personalizado das persoas que se detectou de xeito obxectivo que tiñan máis dificultades para atopar un emprego ben polas súas condicións ou ben pola súa permanencia, máis de 5 anos, nas listas de emprego”, salientou.

Grazas a este programa, actualízanse as demandas de emprego para reflectir a situación actual dos traballadores e se reforza a información e atención personalizada aos usuarios.

Rueda salientou que un total de 17.560 persoas participaron no programa, o 12 % do total de persoas rexistradas como demandantes de emprego nas oficinas galegas. Nos primeiros seis meses de vixencia, 1.233 persoas resultaron contratadas; “un 40 % puideron actualizar o seu currículo e o 15 % iniciaron itinerarios para a mellora da súa empregabilidade”.

A Administración autonómica está a identificar as necesidades das persoas desempregadas a través de plans personalizados (itinerarios) para acadar o seu obxectivo de inserción. Grazas ao novo programa de seguimento, iniciáronse 2.669 destes itinerarios subscritos cos servizos de orientación. Esta circunstancia garante que os traballadores realicen accións formativas e participen en programas de emprego.

Grazas ao programa, a Xunta de Galicia actualizou ademais a demanda de emprego de 7.013 persoas para adaptala ás súas características persoais e de busca de emprego.

Cerca de 4.000 persoas deixaron nestes seis primeiros meses de ser demandantes de emprego. O 31 % (1.233 persoas) por ser contratadas no marco desta actuación. No 35 % dos casos as baixas realizáronse de xeito voluntario, noutro 21 % as persoas non estaban estar dispoñibles para o emprego (por incapacidade temporal, obrigas familiares…) e o 13% restante por se tratar de persoas que non están en busca activa dun traballo, pero si acceden a actividades de formación ou orientación, entre outros.

O sistema de seguimento implantado nas oficinas de emprego diríxese a catro perfís de usuario do Servizo Galego de Emprego: (1) persoas que rexeitan unha oferta ou abandonan sen xustificación un servizo de orientación, formación ou mixto; (2) as que levan máis de 5 anos inscritas nas oficinas de xeito ininterrompido e non realizaran ningún curso ou cita de orientación nos dous últimos anos (3) desempregados que non confirman a súa dispoñibilidade para un mínimo de tres ofertas laborais nun ano; (4) usuarios que non se presentan a citas de orientación laboral e carecen de itinerario de emprego activo, un dos mecanismos de orientación que brinda o servizo de emprego autonómico.

Rueda salientou que o Goberno galego busca, con estas medidas, facer que o sistema público de emprego sexa “o máis eficaz posible” na busca dun traballo. Para iso é preciso adaptalo ás novas necesidades do mercado laboral e dar saída ás vacantes de traballo que existen na actualidade en diversos sectores económicos.

 

25 de xaneiro de 2024 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.