publicidade hoxe

A biblioteca de San Sadurniño programa actividades para escolares co gallo do Día do Libro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A biblioteca municipal de San Sadurniño, ademais de ser un lugar de lectura e préstamo de documentos, é tamén o lugar no que se desenvolven outras actividades arredor da cultura, especialmente cos nenos e nenas. Ata o día 24 deste mes hai organizados catro obradoiros para o alumnado do colexio nos que entrarán en contacto cos libros dun xeito lúdico e participativo. Hai tan só uns días a biblioteca converteuse nun laboratorio cheo de pequenas e pequenas científicas e a semana que vén descubrirán o oficio da ilustración e os segredos que garda a literatura. As actividades encádranse no programa “Ler conta moito” da Secretaría Xeral de Cultura, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de autoría.

A primeira actividade desenvolveuse o venres co obradoiro “A ciencia é divertida”, ofrecido por Ana Romero. A rapazada -de entre 3 e 6 anos- asistiu a unha sesión pensada para espertar a súa curiosidade polos libros e por todo o saber científico que hai neles. O que comezou como un contacontos convencional foi transformándose pouco a pouco nun constante descubrimento: globos que corren polo chan grazas á presión do aire, globos que se inflan “sós” ao mesturar bicarbonato con vinagre, mondadentes que se converten en estrelas perfectas cunha simple pinga de auga… A maxia, en resume, de ver ao vivo cousas inexplicables para a mente infantil e de aprender de forma sinxela os fundamentos de tales marabillas.

A este obradoiro seguirano outros tres a semana que vén, cando se celebra o Día Internacional do Libro. Van dirixidos tamén ao público escolar e arrancarán o mércores 22 cunha charla sobre o proceso de ilustración dun libro tomando como referencia o traballo de Óscar Villán, creador xunto con Marisa Núñez da “Cebra Camila”, da que poderemos ver en maio unha montaxe musical da compañía La Guagua.

O 23 de abril, a biblioteca e o CPI colaboran nun maratón de lectura que terá lugar durante toda a mañá na Casa da Cultura como conmemoración do Día Internacional do Libro e dos Dereitos de autoría, que cadra coa data do pasamento de Shakespeare e Cervantes. 

Ao día seguinte, venres 24, os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de educación primaria volverán á biblioteca para escoitar as narracións de Raquel Queizás, convertida en “A orixe” nunha exploradora que compartirá coa cativería lendas, contos e pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

14 de abril de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.