publicidade hoxe

Unha webserie de humor feita dende Ourense para o mundo, PIB

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Numeroso público participou este venres nunha nova cita programada dentro das II Xornadas Cultura en produción, que se desenvolven no CIFP A Farixa baixo o lema ‘Como un grupo de amigos pode mover o mundo’. Héctor Casas e Alfonso Míguez aportaron as súas experiencias como produtores, guionistas e actores da web serie ‘P.I.B’ como invitados desta iniciativa que desenvolven os alumnos de 2º de produción dentro do módulo de Xestión de proxectos de espectáculos e eventos.

Durante a charla os dous guionistas expuxeron o proceso de produción do seu proxecto, dende a xestación da idea ata a distribución, destacando que “PIB pretende ser un produto de calidade que aproveita as vantaxes de internet para a súa distribución”. A web serie destaca polo emprego dun humor golfo, local e universal ao tempo. Nestes momentos atópanse en plena campaña de promoción e o seu primeiro capítulo ‘As Mozas’ xa se pode visionar en Internet. Como consello aos futuros produtores audiovisuais que se atopaban na sala, Héctor Casas e Alfonso Míguez, insistiron na necesidade de experimentar para aprender entendendo a propia produción como un proceso de ensaio-erro”.

O ciclo de conferencias pecharase o vindeiro venres, 12 de decembro, de novo no Salón de Actos do CIFP A Farixa, ás 11.30 horas, coa participación de Simón Vázquez, quen falará da súa experiencia como director de las Brujas de E´Lente. O acceso as charlas é gratuíto e están abertas ao público en xeral.

5 de decembro de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.