Todo listo para o Festival de Ortigueira que arranca con Gwendal, Khan e Os Cempés como cabeza de cartel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

Todo practicamente a punto para o inicio do 29 Festival Internacional do Mundo Celta. Dende o xoves 11 de xullo e ata o próximo domingo 14, a pequena vila coruñesa de Ortigueira ofrecerá un ano máis o mellor plan para o verán, e tamén o máis económico: dezaseis concertos gratuítos ao aire libre, exposicións, artesanía… e, ademais praia. O cartel arranca cunha aposta polo futuro, coa final do Proxecto Runas, destinado a promover os novos valores do folk. Entre os pratos fortes do cartel figuran Gwendal, Guidewires, Dán e Os Cempés.

A 48 horas do arranque da cita celta por excelencia do verán galego, nas rúas de Ortigueira e no piñeiral do areal de Morouzos, que acolle por uns días a zona de acampada libre, comeza a sentirse o ambiente festivalero. E en paralelo á cada vez máis temperá chegada de folkies, o concello, organizador do evento, co patrocinio de Deputación da Coruña, Axencia Galega de Turismo, AGADIC e Estrella Galicia, adiantou o operativo de seguridade. Como na pasada edición, o despregamento terá ademais o reto engadido de devolver un pouco de tranquilidade á acampada.

Mañá mércores empezan a funcionar as liñas especiais de buses para acceder a Ortigueira e abrirase ao público o aparcadoiro vixiado de pagamento que, dende o xoves ata o domingo, estará comunicado co núcleo urbano e a acampada do piñeiral de Morouzos, grazas ao servizo autobuses urbanos habilitado pola empresa Arriva. Deste modo, búscase facilitar ao máximo a chegada aos miles de festivaleros, ávidos de festa, que tomarán o pequeno núcleo urbano, de apenas 2.000 veciños.

O evento musical, declarado Festa de Interese Turístico Internacional, inaugurarase a tarde do xoves, co tradicional espectáculo de música tradicional, no que, ademais da Escola de Gaitas de Ortigueira, participarán, entre outras, a agrupación bretoa Bagad Glazik e a irlandesa Dominc Graham School of Irish Dance. Despois, o espectáculo trasladarase ao Escenario Estrela Galicia que acollerá a final do “Proxecto Runas”. Catro grupos emerxentes (os mallorquinos Boc, os vascos Ruaille Buaille, os castelán leoneses Folk on Crest e os galegos Guezos) competirán en directo por facerse un oco no cartel da edición 2014. E como fin de festa, a volta de Os Cempés a Ortigueira.

A xornada inaugural servirá de prólogo aos días por excelencia do Festival do Mundo Celta, nos que se poderá gozar de concertos máis potentes da edición, como os dos míticos Gwendal, con 40 anos de traxectoria musical ás súas costas, os irlandeses Kan e Guidewires ou a macrobanda Dán. O domingo, despedida co desfile de bandas das nacións celtas como cita obrigada.

Debido á complexa conxuntura económica, traducida na mingua de axudas públicas e privadas, o Festival Ortigueira 2013 contará cun presuposto similar ao que tiña hai doce anos (arredor 300.000 euros). Por iso, dende o concello sublíñase o esforzo realizado para sacalo adiante, mantendo os servizos esenciais para facer máis cómoda a estanza do visitante e, por suposto, preservando a gratuidade (a excepción dos buses urbanos e o extra de contar cun aparcadoiro vixiado), un aspecto no que Ortigueira non ten competencia.

O Festival Ortigueira, que na pasada edición reuniu máis de 50.000 persoas, constitúe un dos principais revulsivos turísticos do Norte de Galicia e ten un impacto fundamental na economía do Ortegal, especialmente en sectores como o da hostalaría e o pequeno comercio.

9 de xullo de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.