A Deputación da Coruña organiza un acto conmemorativo no XXX aniversario da entrada de España na Unión Europea
A Deputación da Coruña celebrará o XXX aniversario da adhesión de España á Unión Europea coa organización dunha mesa redonda na que participarán europarlamentarios galegos dos distintos grupos políticos. Será o 12 de xuño no Pazo de Mariñán, en Bergondo.
O acto é organizado por Europe Direct, o centro oficial de información da Comisión Europea na Coruña e dependente da Deputación, e inclúe non só a rolda de debate senón tamén unha exposición fotográfica que reflectirá a actividade dos europarlamentarios, ilustrando o seu traballo nas institucións europeas.
Entre os invitados a participar neste debate están Daniel Varela Suanzes e Francisco Millán Mon, antigo e actual europarlamentario polo grupo do Partido Popular Europeo; José Blanco e José Vázquez Fouz, por parte do PSOE; e Camilo Nogueira e Ana Miranda en representación do BNG.
Cada un deles, a través da súa intervención e posterior rolda de debate, plasmará a súa visión sobre o que supuxo a entrada de España na UE e como evolucionamos durante os últimos 30 anos.