Uns 360 pontevedreses mellorarán as perspectivas de inserción laboral cos cursos de aQuelando
360 persoas poderán mellorar as súas perspectivas de atopar traballo por medio dos cursos da terceira edición do proxecto aQuelando, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, co que se busca favorecer a inserción laboral na provincia, especialmente daqueles colectivos con maiores dificultades.
A finais do mes de agosto iniciarán as actividades formativas 180 persoas, que participarán en nove cursos que se van desenvolver en Ponteareas, Pontevedra e Valga.
O proceso de selección comezou hoxe no Centro Príncipe Felipe, nun acto no que se lles explicou a 180 desempregados, remitidos polas oficinas de emprego de Pontevedra, as condicións particulares de cada un dos cursos e no que se realizou a preselección das persoas interesadas en cada un.
Os nove cursos que se van iniciar son: Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, que se impartirán nos concellos de Pontevedra e Ponteareas; Dinamización Comunitaria, que se desenvolverá en Valga; e Xestión de Chamadas de Teleasistencia, Inserción Laboral de Persoas con Discapacidade, Limpeza de Superficies e Mobiliario en Edificios e Locais, e Animación de Actividades Físico-deportivas e Recreativas, que se impartirán todos eles no Centro Príncipe Felipe da Deputación, en Pontevedra.
As persoas participantes terán a oportunidade de obter o certificado de profesionalidade, que lles dará a oportunidade de mellorar as súas perspectivas de inserción no mercado laboral.