O DOG publica a orde de aprobación definitiva das áreas do PXOM de Moaña deixadas en suspenso
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva das áreas do PXOM de Moaña deixadas en suspenso, que representaban un 3 por cento do territorio que abarca o planeamento.
Esta decisión, que xa fora trasladada á alcaldesa nunha reunión o mes pasado, permite que o concello pontevedrés conte xa cun plan xeral en vigor na súa totalidade.
En xullo de 2011, emitíase a orde de aprobación definitiva parcial que abarcaba un 97% do plan. Neste documento, quedaron pendentes de aprobación 8 dos 15 solos urbanizables propostos polo concello de Moaña no PXOM, ao non estar convenientemente xustificados ou parcialmente suxeitos á diversas afeccións sectoriais de augas e infraestruturas.
Posteriormente, e despois de varias reunións técnicas entre ambas administracións, o concello de Moaña remitiu en novembro o Documento de Refundido do plan xeral, información e documentación que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio analizou para poder redactar a orde que hoxe se publica, despois de comprobar que se solucionaron as deficiencias sinaladas. Este traballo realizouse coa máxima celeridade para permitir que se restableza a actividade industrial das empresas presentes na zona portuaria de Moaña con todas as garantías posibles.