Retómase a busca do músico desaparecido no río Miño
A busca do músico galego desaparecido o sábado pola noite no río Miño despois de actuar nas festas de Lapela (Monçao), en Portugal, retomouse este mércores. Segundo informou o CAE Galicia 112, medios de Protección Civil de Vigo, Ponteareas e Tui saíron a rastrexar por terra, nun operativo coordinado pola Garda Civil e que se prevé que abranga por auga dende a costa de Salvaterra do Miño ata a zona portuguesa de Monçao, tras varios días de busca con servizos de emerxencias portugueses e galegos.
O martes xa non participaron os mergulladores, despois de que o luns peiteasen “moitas veces” as zonas nas que había indicios da presenza do músico, ao acharse alí algunhas das súas pertenzas.
En concreto, na xornada do domingo atopou a boquilla do seu trombón de varas, e posteriormente as chaves do seu coche e o propio instrumento. Nesta busca empregáronse drones da Axencia Galega de Emerxencias (Axega).