Medio Ambiente executará unha mellora na rede de saneamento na parroquia de Santa María de Melide
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Melide, Dalia García Couso, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na que a responsable de Medio Ambiente lle confirmou que a Xunta colaborará na mellora do saneamento do Concello.
Beatriz Mato trasladoulle que Augas de Galicia redactará e executará un proxecto de mellora do saneamento na parroquia de Santa María, na zona do Rañado e a ao que Augas de Galicia destinará un orzamento de case 165.000 euros. A conselleira indicoulle que a previsión é poder iniciar as obras este mesmo ano, polo que a alcaldesa agradeceu os esforzos da Consellería, xa que esta actuación é un proxecto moi demandado polos veciños.
No decurso do encontro, a alcaldesa tamén lle indicou á conselleira e ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, que na parroquia de Santa María tamén é necesario levar a cabo unha obra para facer unha rede separativa (pluviais e residuais) dende a Rúa Progreso ata a altura do Mesón de Santa María. A conselleira de Medio Ambiente solicitoulle á rexedora municipal unha memoria deste proxecto de saneamento, co fin de que Augas de Galicia inclúa esta actuación dentro do proxecto a redactar e valore a posibilidade de acometer tamén esta actuación este mesmo ano.