publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa as obras de saneamento en Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras de saneamento

Cores Tourís na visita ás obras de saneamento

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde do municipio, Jorge Cubela, e a concelleira María Pichel, as obras de saneamento no lugar de Pazos, na parroquia de Carballedo e nos que se están a investir 48.000 euros a través da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental de Vicepresidencia.

Trátase do único lugar desta parroquia de Cotobade que, nestes intres, carece de rede municipal de saneamento que atenda a totalidade das vivendas veciñais, “aínda que os que se atopan na parte máis baixa, como na parte máis alta da parroquia, si que contan con saneamento que conduce as augas ata a EDAR de A Chan. Agora queremos rematar toda a área e dar servizo a tódalas casas”, explicou Cubela.

“Dende o concello estamos a realizar un gran esforzo nos últimos anos para sanear a totalidade das augas residuais que nos competen, xa que somos conscientes da mellora na calidade de vida e medioambiental que trae consigo, xa que os veciños poderán evitar continuar dependendo de fosas sépticas privadas”, engadiu o rexedor de Cotobade.

Para a construción da rede estase a proceder á apertura de gabias no terreo localizadas ao longo de camiños municipais, sen interferir con propiedades privadas, ben levantando a solera de formigón que existe nalgunhas zonas, ou ben o empedrado tradicional que volverá a ser colocado en disposición similar unha vez remate a obra. Estanse a instalar colectores de PVC corrugado ao longo de 568 metros para saneamento de cor tella de 300 mm de diámetro. Tamén poranse 21 colectores con pozos de rexistro.

Agárdase que os traballos da execución deste saneamento rematen nun prazo de tres meses. O proxecto conta cun investimento de 48.000 euros, dos cales 32.000 proceden da subvención da Xunta, que é o 80% do orzamento total, aportando o concello o 20% restante máis o IVE.

Ademais, este concello tamén está a levar a cabo nestes intres obras de mellora e mantemento das fontes e lavadoiros de Cotobade grazas a esta mesma orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental de Vicepresidencia pero a través da liña non competitiva. En concreto, executarase traballos de picado de xuntas en mal estado, rexuntado en cor gris ou similar, selado daquelas xuntas que se precisen para garantir a estanquidade de depósitos ou canles, instalación de valados de seguridade, sinalización, mellora de accesos e saneados das proximidades e novas cubricións. O orzamento é de 17.500 euros.

“O noso obxectivo”, explicou Cubela, “é realizar obras de conservación e mantemento para a posta en correcto funcionamento de varias fontes e lavadoiros que, nestes intres, se atopan en condicións de prestar un servizo de abastecemento axeitado aos veciños”.

No ano 2010 xa se levaran a cabo obras de mellora e rehabilitación en 39 fontes e lavadoiros da localidade, “e agora pretendemos continuar con esta labor”. En concreto, actuarase sobre as fontes de Campodorna e Zica en Santa María de Sacos, Barbeitos en San Xurxo, e nos lavadoiros de Mansoliña e Regueiro en Tenoiro.

En relación a esta liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva e non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destínase máis de 1,1 millóns de euros aos municipios pontevedreses. Estas subvencións destínanse a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos subministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico cun total de 832.700 euros de subvención. Pola súa banda, á liña competitiva puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Nesta liña, os concellos da provincia de Pontevedra recibiron 305.000 de euros.

“O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico”, matizou Cores Tourís.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

22 de xullo de 2016 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.