publicidade hoxe

O goberno de Ames mantivo unha reunión coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia para limitar o tráfico rodado pola N-550 ao seu paso polo Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co xefe territorial, Ángel del Rio, co xefe provincial, Eduardo Toba, e cun técnico da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradece a recepción feita polos xefes territorial e provincial da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. O rexedor municipal indica que “se tratou dunha reunión moi positiva na que se acordou realizar varias actuación de xeito inmediato. En primeiro lugar vaise a sinalizar na autoestrada AP-9 a saída do Milladoiro e cara o concello de Ames. Asemade, comunicaráselle á Xunta de Galicia que sinalice na autovía AG-56, que vai de Santiago a Brión, a saída cara o polígono industrial Novo Milladoiro”.

Por outra banda, sobre a carga de tráfico que soporta a N-550 ao seu paso polo Milladoiro, acordáronse varias medidas para tratar de reducir esa carga de vehículos que discorren diariamente pola avenida de Rosalía de Castro. Primeiro falouse da posibilidade de colocar máis pasos de peóns na avenida de Rosalía de Castro con semáforos, tal e como solicitou a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar, para tratar de humanizar o núcleo urbano do Milladoiro. Esta proposta foi ben acollida por parte da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro

Outra medida que se está valorando é executar unha glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro (dende Santiago de Compostela), para desviar directamente o tráfico rodado cara o polígono industrial Novo Milladoiro sen ter que chegar a dita rotonda. Deste xeito, os vehículos que se dirixisen ao polígono industrial circularían polo un paso inferior. Trátase dunha medida que se podería executar a medio prazo. 

Limitación de vehículos pesados pola avenida de Rosalía de Castro

Ademais, o máis axiña posible vaise a limitar o tráfico de vehículos pesados na avenida de Rosalía de Castro, mediante o desvío obrigatorio dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Para iso haberá que colocar a sinalización correspondente, que prohiba o paso destes vehículos de gran tonelaxe, para evitar que circulen pola travesía de Rosalía de Castro e facer as obras precisas na glorieta das Galanas para que poidan xirar os devanditos camións.

Segundo explica Miñones “trátase dunha medida a curto prazo que para poder levala a cabo hai que asinar un convenio coa Xunta de Galicia. A nosa intención é darlle traslado desta medida á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na reunión que temos solicitado con ela. Esta medida permitirá desviar o tránsito de 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas e máis de 1.000 camións que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría humanizar un pouco máis esta localidade amesá”. 

Variante Sigüeiro-Padrón

Nesta xuntanza o goberno municipal tamén lle deu traslado aos responsables da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia da necesidade de realizar un estudo técnico para elixir a mellor solución para limitar e aliviar a carga de tráfico rodado pola N-550 ao seu paso polo Milladoiro. Neste senso, falouse do proxecto da autovía que debe unir Sigüeiro y Padrón. O goberno municipal é consciente que está é unha medida a longo prazo, pero solicitou que no momento en que se execute esta autovía se priorice a execución do tramo de 5 quilómetros que  pasa polo Milladoiro.

O rexedor municipal destaca que “no momento en que se aborde este proxecto débese comezar polo tramo que afecta ao Milladoiro. Deste xeito, débese dar preferencia a este tramo de 5 quilómetros polas claras necesidades que presenta a localidade do Milladoiro”. 

Sobre a posibilidade de executar un túnel, Miñones indica que dende a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia non ven moi factible esta opción polo alto custe que implicaría achegándose ao 70 millóns de euros e polos problemas estruturais que poderían presentar algúns dos edificios construídos na avenida de Rosalía de Castro. “Aínda así dende o goberno municipal o que solicitamos é que se faga un estudo para elixir a mellor opción posible”, remata dicindo Miñones.

2 de febreiro de 2016 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.