publicidade hoxe

A mostra “Influír no Global desde o Local” chega o 25 de xaneiro ao Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O 25 de xaneiro abrirase ao público a exposición “Influír no Global desde o Local”, unha mostra de 12 paneis fotográficos cuxa temática xira en torno aos desequilibrios nas relacións Norte e Sur, así como ao papel dos concellos no desenvolvemento. As imaxes poderanse visitar entre o 25 de xaneiro e o 12 de febreiro na Casa da Cultura de Milladoiro e máis adiante, a partir do 22 de febreiro e até o 11 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A exposición foi promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O debuxante e humorista Pepe Carreiro fixo posible esta mostra, deseñando el mesmo os paneis. O creador de personaxes tan coñecidas como Os Bolechas ou Os Barbanzós creou os doce paneis que, conxugando texto e fotografía, móstranlle ao espectador distintos aspectos da cooperación a nivel local.

O primeiro panel, a portada, vén precedido por outro acerca dos dereitos humanos, un terceiro titulado “A frustración do soño”, un cuarto centrado nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio da ONU, un quinto que explica os motivos polos que deben cooperar Deputacións e concellos, outro explicativo sobre as labores do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade seguido dun sétimo sobre os proxectos do mesmo. Os tres seguintes informan acerca doutras actividades desenvoltas en Galicia polo Fondo e organismos similares e, para finalizar, un doceavo panel que relata as achegas do Fondo á cooperación, xa mencionada, de concellos e deputacións. 

A exposición “Influír no Global dende o Local” non busca tan só sensibilizar e informar ao espectador que se achegue de forma puntual a unha das Casas de Cultura, senón tamén desenvolver actividades un pouco máis duradeiras co alumnado dos centros escolares. Por este motivo a exposición foi entregada ao Concello cunha unidade didáctica en formato CD pensada para alumnos e alumnas de entre 12 e 16 anos. A unidade suxire actividades complementarias: unha brigada de investigación que ditamine se o Concello no que se sitúa o seu colexio é ou non solidario, outra sobre o problema para o abastecemento de auga en moitos países do Sur ou a elaboración dunha proposta de campaña de sensibilización para o Concello realizada polo alumnado. 

A mostra ven acompañada ademais dun ciclo de cine, unha listaxe de distintos filmes que afondan na mensaxe da importancia que ten a cooperación de base a nivel local e que aportan máis información ao espectador acerca da súa influencia a nivel global.

25 de xaneiro de 2016 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.