publicidade hoxe

Conde destaca á empresa arteixana Aluman como símbolo do potencial exportador do contract galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na visita a Aluman. Foto: M. Fuentes

Francisco Conde na visita a Aluman. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o éxito nos mercados internacionais da empresa arteixana Aluman como símbolo do crecemento exportador da construción, a enxeñería e o contract galegos, participando en proxectos construtivos singulares como o edificio máis alto de Colombia, as Torres Bacatá, ou a ampliación do aeroporto de Tocumen, en Panamá. Conde visitou hoxe as instalacións da empresa no polígono de Sabón, onde defendeu o pulo emprendedor do seu fundador e presidente, Manuel Pose, que ten convertido á entidade no líder español e referencia mundial no eido do cerramento de fachadas de aluminio.

Conde resaltou que a compañía conta cunha importante presenza no estranxeiro, unha expansión internacional que comezou fai preto de 7 anos co apoio da Xunta e que acabou por converterse nunha mostra, dixo o conselleiro, do éxito que están a vivir as exportacións galegas nos últimos anos. Grazas a empresas como esta, salientou Conde, Galicia está a acadar cifras históricas nas súas vendas ao exterior, sumando un 1,7% de incremento no primeiro semestre de 2015 sobre o mesmo período de 2013, o ano en que Galicia bateu todos os seus récords exportadores. Hoxe Aluman está presente en países como Brasil, Panamá, Colombia e Marrocos, e abrindo novos mercados como México e Estados Unidos.

Un pulo internacional que “conseguiu que o peso das exportacións na súa facturación pase do 1% ao 80%” e consolidala como “a primeira empresa en fachadas de España”, dixo Conde, que resaltou ademais o seu compromiso con Galicia da empresa arteixana, a través do fomento do emprego e o investimento, apoiándose en programas da Xunta para innovar en produtos e procesos. Así, a compañía ten contratadas a 370 persoas en Arteixo, o que supón un incremento de preto do 40% da plantilla desde 2010, apostando polo talento máis cualificado. Por outra banda, a empresa ten realizado unha clara aposta pola produción local e polo tecido empresarial galego, mercando a provedores locais o 80% das súas compras, e mantendo o 90% da súa produción en Galicia.

Unha “aposta pola industria” que se diversificou cara a novas oportunidades nos últimos anos cara o sector contract. A empresa,que está neste senso a traballar en proxectos de hoteis en Marrocos, Panamá e Brasil, ademais de 48 tendas no mercado ruso. Desta maneira a compañía se sitúa no grupo de cabeza das empresas galegas do sector contract, un eido empresarial polo que a Xunta está realizando un esforzo especial no eido internacional, acompañando ás empresas no seu esforzo cara aos mercados exteriores; e que lle está a permitir a moitas compañías galegas de eido da construción participar en proxectos de primeiro nivel en todo o mundo.

31 de agosto de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.